Anxo Quintana subliñou que quen "non vive nin traballa nin pensa facelo" en Galiza non pode decidir alcalde ou presidente.
A chamada ao consenso aínda que sen prazos nin propostas concretas comeza a tomar forma lentamente nos discursos dos líderes políticos. O vicepresidente da Xunta e voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana, expresou este domingo a súa disconformidade coa posibilidade de que os netos dos emigrantes poidan votar en todos os comicios que se celebren en Galiza.
Nos micrófonos da Cadena Ser, Quintana anunciou que o BNG dará "batalla democrática" para que a participación electoral dos netos se restrinxa aos comicios xerais. Na súa opinión, o voto emigrante debera cinguirse a unha "circunscrición propia" con representación a nivel estatal, evitando que o sufraxio emigrante inflúa na elección de alcaldes e presidente da Xunta. Na opinión do líder nacionalista, o contrario sería "un escándalo antidemocrático". "Está en xogo a credibilidade democrática do modelo electoral", expresou Quintana.
"Eu teño familia que vive en Estremadura que ten casa en Allariz, que pagan impostos aí, que veñen de vacacións sempre que poden e que non elixen o alcalde", apuntou ao respecto. Nese sentido, opinou que sería "lóxico" que tampouco o fagan persoas "que nin naceron, nin teñen casa en Galiza, nin pensan volver".