Vai máis de media lexislatura desde que a viraxe política chegou en Galiza con suspense polo medio e o país enteiro mirando para a saca que chegara á provincia de Pontevedra cos votos da diáspora galega. Os grupos parlamentarios acumularon esta semana un feixe de cruce de acusacións do que, outra vez, non saíu un calendario preciso para a resolución do problema.
Pola parte do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño volveu chamar a unha proposta de "consenso" entre PSdeG, BNG e PPdeG para que "na próxima lexislatura" chegue ao Congreso unha iniciativa "concreta" que permita que os emigrantes voten en urna. Para isto, prometeu que o conselleiro de Presidencia convocaría unha xuntanza onde definir esa proposta. De paso, Pérez Touriño insistiu unha vez máis en que na súa recente viaxe non mencionou "en ningún caso e baixo ningunha circunstancia" nin ao PSOE nin a petición de voto para o seu partido. "Falei exclusivamente como presidente da Xunta", asegurou o presidente.
Ao fío, o voceiro do PPdeG, Manuel Ruiz Rivas, recordou que vai para un ano que se produciu un compromiso conxunto no Parlamento e que a día de hoxe "segue sen cumprir". Os populares consideraron que o presidente "meteu a zoca" propoñendo crear unha comisión de emigración "que xa está creada" pero que na opinión deste partido "non funciona por falta de vontade dos socios do bipartito". Ruiz Rivas acusou a Touriño de andar "un pouco perdido" e volveuno acusar de pagar con cartos "de todos os galegos" un acto político "convocado polo PSOE de Bos Aires".
O BNG confía en que "á segunda vaia a vencida" Reprochoulles Carlos Aymerich aos outros grupos que tardasen en entender a "urxencia" dun asunto sobre o que os nacionalistas insisten desde hai meses na necesidade de resolvelo "canto antes".
"Imos chegar ás Xerais sen ter isto resolto pero a sociedade sabe que non é por falta de vontade política do BNG senón por falta de vontade dos outros grupos", expuxo o voceiro do Bloque este mércores. "Nós xa dixemos que o mesmo impulso que lle había que dar ao recoñecemento da nacionalidade había que darllo, simultaneamente, á reforma da lei eleitoral". Por este motivo, Aymerich avanzou que a intención do BNG é acudir á xuntanza que o presidente prometeu convocar "cunha proposta concreta e articulada da reforma".