Feijoo propón unha "reflexión colectiva" sobre a hipotética participación dos emigrantes de terceira xeración nas eleccións municipais.
Aínda que sen unha posición explícita ao respecto, o voceiro do PPdeG, Alberte Núñez Feijoo, chamou a unha "reflexión" sobre a posíbel participación dos netos dos emigrantes nunha cita concreta, os comicios locais.
Ao fío, o PPdeG propón unha campaña de información nos consulados sobre a concesión de visados para a búsqueda de emprego para descendentes de emigrantes, e pide que se axilicen e simplifiquen os trámites. Sinalan que no que vai de 2007 o Ministerio de Traballo non tramitou "nin un só visado da cota específica de búsqueda de emprego para descendentes de emigrantes". No canto de "políticas caóticas de papeis para todos", os populares propoñen explorar máis esta vía do estímulo do emprego para emigrantes. Ademais, Feijoo propuxo estender as prestacións da Lei da dependencia aos residentes no exterior e facer presión para que os emigrantes computen a efectos de financiamento e no reparto dos deputados entre as circunscricións electorais.
Acusa a Touriño de deixar unha promesa "falsa" na súa viaxe
Tal avaliación lle merece ao PPdeG a promesa feita por Emilio Pérez Touriño sobre a cidadanía, antes de fin de ano segundo o presidente da Xunta, para os netos de emigrantes. Segundo Feijoo, é exemplo de que Touriño "adicou parte da súa viaxe a enganar a diáspora con anuncios irresponsábeis".
Por outra parte, o líder do PPdeG avaliou que a viaxe causara "unha nova lea no bigoberno" e recordou que os propios nacionalistas advertiran de que a nova delegación da Xunta en Bos Aires "poida correr o risco de converterse nunha oficina para tramitar votos para o PSOE". De paso, reprochoulle Feijoo a Touriño que planifique as viaxes "en función das datas do Consello da Xunta". "O caso é evitar que o señor Quintana presida o Consello, non vaia ser... A quen ten medo, sr. Touriño?", preguntou.