O presidente da Xunta recoñeceu que é "urxente" tratar en profundidade sobre a participación electoral dos emigrantes coa meta de "sintonizar coa opinión democrática maioritaria".
"O PPdeG debería mirar a emigración con outros ollos e deixar esa visión instrumentalista", comentou durante a súa intervención parlamentaria o presidente da Xunta. Emilio Pérez Touriño opinou que os populares "seguen vendo os emigrantes como seres inferiores, vulnerables e útiles segundo conveña". Nese sentido foi que lle solicitou á oposición que pase a interesarse polos problemas concretos da emigración no canto de simplemente "tratar de desgastar o presidente da Xunta", e ao tempo que acusana o PPdeG de facer oposición baseada "na falsidade e no chascarrillo".
Touriño defendeu a súa recente viaxe institucional a Arxentina e Uruguai, asegurando que era unha parte máis da política exterior da Xunta, baseada no "recoñecemento de dereitos, reforma da Lei da Galeguidade, extensión da nacionalidade e introdución de eficacia e transparencia nas relacións coa emigración", obxectivo este cara ao que asegurou que será clave a nova Delegación da Xunta en Bos Aires. "Vai ter que almacenar paciencia", retrucoulle ás críticas do voceiro do PPdeG, "porque haberá máis viaxes, xa que cada vez máis os problemas dos nosos cidadáns atoparán solución no escenario internacional".
O voto emigrante: debate "inescusábel"
Falou tamén Touriño da necesidade de "redobrar esforzos" no recoñecemento dos dereitos da emigración, tarefa cara á cal incluíu a necesidade de regular o dereito a voto. Neste punto, manifestouse a prol de que "canto antes" estea cumprida a meta de que poidan exercer este dereito en urna. Precisou o presidente sobre o interese en abrir un debate "inescusábel, pendente e urxente" sobre esa regulación, estabelecendo criterios claros para a participación dos emigrantes en procesos electorais.