Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A maior parte foran para pequenas empresas

Agapi desmárcase das críticas á xestión das axudas ao audiovisual

Após unha información aparecida nun xornal galego, a asociación de produtoras independentes quere desligarse das opinións críticas co outorgamento das subvencións.

Redacción - 09:00 09/10/2007
Cabeceira da páxina da Agapi

Cabeceira da páxina da Agapi

A Agapi, a Asociación Galega de Produtoras Independentes, quixo manifestar o seu desacordo co artigo publicado o domingo no xornal xa que, aseguran, a súa asociación non foi consultada en ningún momento e aínda non manifestara a súa postura en relación ás informacións recollidas.

Ademais a asociación considera "grave" que este artigo realice unha redacción "interesada, sesgada e tendenciosa", ao incluír unha relación de empresas que, segundo a Agapi, "teñen acreditada a súa traxectoria, experiencia e profesionalidade", e que poden verse relacionadas con actuacións irregulares, como as que suxire o artigo (ter a algún dos seus membros na administración, ser os mesmos que optan ás axudas os que as conceden, etc).

Lembrando que Agapi representa a un colectivo amplo, a asociación termina o seu comunicado dicindo que respecta as opinións que poidan ter, a título individual, os diferentes profesionais do sector audiovisual.


Eco mediático das queixas das grandes empresas do sector
O xornal La Voz de Galicia publicara este domingo unha información titulada "Cultura dá o 60% das axudas ao cinema a empresas case sen empregados" no que aseguraba que varias "asociacións como as que agrupan os produtores galegos" criticaban o sistema de axudas ao cinema da Xunta. Tamén facilitaban unha listaxe de empresas a carón dos cartos recibidos da Xunta e o número de empregados que teñen cada unha. Despois viña a crítica ao sistema de axudas.

Segundo as persoas consultadas por La Voz, ao parecer as axudas concedidas pola Xunta á industria audiovisual este ano foron erradas, posto que deixan de apoiar ao sector como un núcleo industrial, para primar o compoñente cultural. Isto reflíctese, segundo os produtores consultados, en que as produtoras que levaron case todos os cartos son pequenas empresas, creadas hai nada e "case sen empregados".

No artigo tamén se salientaba o presunto descontento destes produtores, que consideran que as axudas deberan ser concedidas pola Consellaría de Industria e non por Cultura, Presidencia e a CRTVG a un tempo -como acontece agora-, dun xeito automático e sen que prime a base cultural, senón a industrial.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: