Agárdanse para este martes no Parlamento chiscadelas en política social por parte do presidente da Xunta e o destaque das tarefas pendentes no camiño do autogoberno por parte do vicepresidente.
Ao presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, tócalle este martes abrir a quenda de comparecencias no Parlamento, onde desde ás 10h iniciará o seu discurso. Os socialistas proxectaron para este día un discurso con tres eixos principais. Dunha banda o repaso dos dous anos no executivo, defendendo polo miúdo a xestión do bipartito até ecuador da lexislatura. Por outra parte, a chamada ao pacto de todas as forzas parlamentarias, obxectivo cara ao que se ofrecerían tres ámbitos de encontro vencellados á lingua, o territorio e o autogoberno. En terceiro lugar, os socialistas priorizarían tamén o destaque das políticas sociais do Goberno incluíndo algunha chiscadela especialmente destacábel ao xeito en que o presidente do goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero, realizou antes do verán no Congreso cando anunciou as axudas para as familias por cada fillo nado.
Por outra parte, a previsión para a intervención do vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, inclúe o debullar das políticas sociais desenvolvidas desde o seu propio departamento, con balance do realizado e proxectos pendentes. E coma eixo destacado, o vicepresidente ha centrarse na avaliación do camiño do autogoberno. Así, o balance de Quintana incluirá a análise da situación creada nesta altura da lexislatura despois da fracasada reforma do Estatuto e as prioridades no novo escenario. Nese contexto, os nacionalistas propoñen avanzar cara a unha nova relación política co Estado, tarefa onde as competencias pendentes de transferir a Galiza aparecen como argumento fundamental. Por isto, ás portas das eleccións xerais, Quintana desafiará os grupos parlamentarios a facer fronte común en defensa das demandas do país fronte a Madrid.