Na Festa do Campo, organizada en Silleda por Unións Agrarias, o presidente da Xunta aproveitou para destacar o labor do bipartito a prol do medio rural.
Os criterios de sustentabilidade serán imprescindíbeis para optar as subvencións a explotacións agrarias prometidas polo presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, esta fin de semana en Silleda. Serán axudas por valor de 3.200 euros anuais por explotación, e destinadas á modernización de arredor de 7.500 granxas agrícolas e gandeiras do país.
Convertido en acto pre-electoral dos socialistas, e diante do presidente do goberno español e da ministra de Agricultura, a galega Elena Espinosa, o presidente da Xunta non dubidou en salientar a actividade realizada polo bipartito en favor do agro, xestionado no executivo polo conselleiro nacionalista Alfredo Suárez Canal. Pérez Touriño referiuse á creación do Consello Agrario Galego, ao Plan de Desenvolvemento Rural ou ao Banco de Terras, e destacou que en dous anos de goberno se incorporasen até 1.600 mozas e mozos á actividade agraria.
Supresión do certificado veterinario
Por outra parte, o presidente do executivo español, José Luís Rodríguez Zapatero, avanzou que o próximo venres o Consello de Ministros acabará co que cualificou de "carga inútil" para os gandeiros. Referíase Zapatero ao certificado veterinario, un pagamento extra que na súa opinión representaba un obstáculo para a actividade do sector. "Supoñía dicir que a culpa das vacas tolas era dos gandeiros, cando en verdade estes eran a verdadeira vítima", indicou, asegurando que por ese motivo o goberno decidira suprimir o certificado necesario para que os gandeiros levasen as vacas ao matadoiro.