O
BNG celebra este sábado na Coruña o seu 25 aniversario, no mesmo local en que, en 1982, se desenvolveu a súa asemblea fundacional: o Frontón de Riazor. Ás seis do serán está previsto que comece o acto, que contará coa presenza de Anxo Quintana, Xosé Manuel Beiras, Francisco Rodríguez e Encarna Otero diante dun público de máis de 1.500 persoas. Pero máis ca un acto meramente político será tamén unha festa, e contará con actuacións musicais e números de maxia.
O portavoz nacional da formación, Anxo Quintana, explicou que será un aniversario "en que se celebra máis o futuro que o pasado", Tamén salientou o feito de que moita xente que vira con escepticismo o nacemento do BNG agora sabe que é unha forza positiva para o país. "Este é o aniversario do BNG, mais tamén, en certo xeito, é o cumpreanos de Galiza".
Quintana defendeu o nacionalismo como una representación da "rebeldía intelectual fronte á monotonía do pensamento único". O coordinador executivo, Francisco Jorquera, dixo que o acto pretende lembrar o que significa o BNG, "que nestes anos conseguiu que xurdise unha dinámica propia e unha opinión política galega".
No ano 1982O Bloque Nacionalista Galego naceu aquel 26 de setembro de 1982 como unha tentativa de abranguer todas as forzas nacionalistas do país. Naquel momento, a fronte compuxérona
AN-PG, UPG, PSG e outras forzas independentes. Un ano despois, o PSG abandonaría o BNG para se unir a Esquerda Galega. Finalmente, en 1994, o nacionalismo volveuse centralizar no Bloque.