Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Mª Xosé Porteiro, primeira 'embaixadora' galega

"A Delegación non é partidaria; ten espírito de país, é mesmo patriótica"

Esta quinta feira, o Consello de Goberno facía efectivo o seu nomeamento como delegada da Xunta en Bos Aires. Este venres, no seu primeiro día de traballo, falou con Vieiros.

Fernando Arrizado / Vídeo: Pedro Carrasco - 10:00 30/09/2007



Vieiros: En primeiro lugar, parabéns ... é vostede a primeira embaixadora que ten Galiza.
María Xosé Porteiro: Moitas grazas, pero como legalmente non é un termo que poidamos utilizar, e ademais semella que si o utilizo eu resulta pedante ... mais obxectivamente de cara á política exterior de Galiza si que se debe entender algo así porque ten funcións moi semellantes.

V.: Cal son estas funcións?

M.X.P.: Funcións que non só se atinxen ás atencións dos atencións dos galegos e as galegas que viven na Arxentina e no Uruguai, senón que ten competencias no eido das relacións comerciais, das relacións económicas, culturais, de traballo, a prol de políticas de igualdade de xénero -algo pouco coñecido, e que persoalmente paréceme importante salientar- ou en materia de cooperación ao desenvolvemento, por exemplo. Polo tanto, é un auténtico instrumento de política exterior que a Xunta crea por vez primeira no continente americano.

V.: O seu nomeamento como delegada do Goberno en Bos Aires coincide coa saída de Santiago Gómez-Reino como secretario xeral de Relacións Exteriores, que marcha afirmando que "os intereses de Galiza pasan por Bruxelas e non por Iberoamérica". Cal e a súa opinión ao respecto?

M.X.P.: Eu creo que non son incompatíbeis; máis ben son complementarios. Evidentemente nós formamos parte da Unión Europea e é nese contexto onde nos desenvolvemos a cotío. Pero Galiza ten unha vocación e unha obriga cara a Latinoamérica que se concreta claramente con esta Delegación, mais que tampouco é algo novo.

De calquera xeito, gustaríame salientar que creo que se lle debe dar toda a relevancia que merece que Galiza tome unha posición física e institucional fóra do seu territorio, fóra desde logo de España e fóra da UE, porque iso demostra unha intención de ter peso e influencia en determinadas zonas do mundo. E, ao meu ver, creo que o fai con intelixencia porque aproveita o factor importantísimo de ter unha grande cantidade de cidadáns e cidadás galegos residindo, por exemplo, na Arxentina, que é un dos países cruciais para o desenvolvemento de Iberoamérica e co que vai crear unha relación bilateral.

V.: E na vida cotiá, na vida diaria do residente galego no exterior, en que medida se vai ver este beneficiado da posta en marcha desta Delegación da Xunta en Bos Aires?

M.X.P.: Non sei como será para cada un dos nosos cidadáns alí residentes persoalmente. En principio terán un acceso físico máis doado, o cal non é pouca cousa cando hai de por medio un océano que nos separa. Van contar cunhas instalacións de Galiza en Bos Aires; un persoal técnico e políticos que son representantes directos das institucións públicas galegas, e que lles van asegurar un trato igualitario para todos e todas.

É unha grande avance porque o que temos que facer é aplicar unha lexislación aprobada como é a Lei da cidadanía española no exterior, que les dá aos residentes, por suposto galegos, os mesmos dereitos civís, sociais e culturais que os que lle dan aquí; e se está a desenvolver a Lei galega de cidadanía no exterior, que vai ser moi importante. Para poder ser aplicada require dun achegamento físico ás persoas que van reclamar a posta en marcha deses recursos.

V.: Fálase de que se poderían abrir máis oficinas en Montevideo, México, Venezuela, Brasil ...

M.X.P.: Sinceramente, descoñezo o calendario ou o mapa de futuras delegacións. Sen ter falado aínda disto -porque hoxe é o meu primeiro día de traballo-, creo que o criterio que se segue é o do número de cidadáns galegos residentes á hora de buscar esa proximidade.

V.: Non lle parece unha mágoa a situación do Centro Galego da Habana, practicamente desmantelado, e esquecido polo Goberno?

M.X.P.: Non entra dentro da miña competencia. Pero son coñecedora da intención do presidente da Xunta de ir a Cuba en decembro para festexar na Habana o centenario do Himno, que foi alí onde se presentou. Supoño que será un momento importante en que se anunciarán decisións que afecten á nosa colectividade alí. Pero non só, insisto; a política exterior da Xunta de Galiza cada vez se estende máis non aos colectivos que viven nese país, senón ao país onde eses colectivos viven.

V.: Volvendo á política nacional, respecto ao seu nomeamento, o PPdeG afirma que se trata dun "novo paso na politización da emigración en busca de réditos políticos para o PSdeG"...

M.X.P.:Eu non vou falar en nome do PSdeG. A Delegación da Xunta en Bos Aires non é unha delegación partidaria. É unha delegación con espírito de país, eu diría que mesmo patriótica. Porque estamos a falar de Galiza. Galiza non é patrimonio de ningún partido político.

Claro que é moi importante o voto dos emigrantes, pero sobre todo para os emigrantes que teñen o dereito a poder votar nas mellores condicións posíbeis. Polo tanto esa será unha das cuestións das que me terei que preocupar para poder garantir que os procesos electorais teñan un desenvolvemento transparente, asequíbel, fácil para os emigrantes -que xa non se chaman así , senón 'cidadáns residentes no exterior', que poden ser cooperantes, traballadores dun medio de comunicación alí destacados. Calquera cidadán galego que viva nestes intres na Arxentina ou no Uruguai dentro deste concepto ten o dereito a votar nas mesmas condicións ca que estivesen aquí.

V.: Non me negará que é un cargo comprometido, que o voto emigrante é un factor decisivo nas eleccións? Nas últimas municipais de maio, tal foi a presión que mesmo a directora da Fundación Galicia Emigración viuse na obriga de dimitir ...

M.X.P.: O último que creo que debo de facer é críticas políticas a ningún partido que na liberdade da súa función política pode manifestar a súa opinión. Eu o único que podo pedir é unha marxe mínima de tempo para que se me permita facer un traballo que coido que vai poñer de relevo o que estou dicindo: que o voto emigrante é fundamental para o seu exercicio dun dereito cívico. Creo que é ao que todos os partidos políticos deben aspirar.

V.: Vostede ten unha dilatada experiencia política (actualmente milita no PSdeG) e como deputada e como concelleira de esquerdas. Dende esa veteranía, que opinión lle merece o polémico asunto do plus aos ex altos cargos da Administración?

M.X.P.: Non vou poder entrar nese tema, porque eu se fose neste momento un cargo electo como fun até o xoves pasado en que dimitín do parlamento español, creo que estaría capacitada de para facelo. Paréceme que, neste momento que represento á Xunta de Galiza e a Galiza, non debería entrar en política.


4,29/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: