Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Tempos Novos

Xestionado por Tempos Novos
RSS de Tempos Novos
ESTÁ NA ONDA O BIPARTITO?

As cuestións ambientais

A herdanza ambiental de Fraga foi nefasta, mais ao ver de Xabier Vázquez Pumariño a xestión do bipartito tamén encerra sombras en eidos como a política enerxética ou a preservación da biodiversidade.

TEMPOS Novos - 14:03 26/09/2007

Nos inicios do bipartito, laiábase un amigo, cunha longa carreira no movemento ecoloxista galego, afín ao BNG, que a súa opción política deixara en mans socialistas a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible. Supoñíalle unha maior sensibilidade (ou competencia) neste eido a un partido sobre o outro. Sorprendéronme os seus temores posto que se cadra ían ter máis competencias en temas ambientais as consellerías do Bloque que as do PSdeG: os primeiros ían levar, entre outras, Medio Rural, Innovación e Industria e Vivenda e Solo, departamentos onde o nivel de competencia territorial é moi elevado e as decisións son absolutamente transcendentais no eido ambiental; pola contra, a pata socialista do goberno levaría Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, Pesca e Asuntos Marítimos, que non é pouco, certamente. Sirva esta anécdota para expresar a transversalidade que o ambiente e, en termos xerais, a sostibilidade, ten na acción de calquera goberno, polo que son a compartir tanto os acertos como os erros duns e doutros.

Por outra banda creo que boa parte dos retos, tanto de acción política como de simple xestión, son de caracter ambiental ou teñen un eixo fundamental no desenvolvemento sostible, xa que os grandes desafíos da humanidade, non só desta pequena esquina do mundo, son os ambientais. Máis incluso se pensamos nos tres eixes da sostibilidade: a economía, a sociedade e o ambiente.

Facendo un balance global destes dous anos e parafraseando o famoso título do libro-icona de X. M. Beiras O atraso económico en Galiza, alguén debería escribir 35 anos despois O atraso ambiental en Galiza. Atraso que tería neste caso os responsables no país: a propia sociedade galega. Os Gobernos, polo tanto, estarían á altura de boa parte desta sociedade, aínda que hoxe non poidan evitar o verniz contemporáneo da sostibilidade como sinal de modernidade. Unha modernidade que queda, xeralmente, en símbolos (escasos aínda así) e declaracións de intencións. E todo isto a pesar de que o cambio de goberno veu motivado, entre outros innumerables elementos, por unha gran catástrofe ambiental, a do Prestige, por máis que moitos se empeñaron ben en minimizala ben en convertela nun simple elemento político-territorial. Detrás del, o modelo enerxético e económico, a xestión do litoral e, dende logo, o desleixo. Non era, non é, tampouco a única cuestión ambiental clave do cambio: o desmantelamento do rural coa súa consecuencia máis visible - o lume -, o tratamento aos ríos e montes, o "desurbanismo", a "contraxestión" do litoral, etc.

Con todo, e antes de entrar a fondo na cuestión, cómpre sinalar de xeito moi especial o elemento fundamental que, en certo modo, vai condicionar a xestión do bipartito en materia ambiental: a nefasta herdanza recibida na que destacaría o desprezo polas leis xunto co absoluto vilipendio ao coñecemento científico e técnico e mesmo ao senso común. Resulta obvio que este desprezo polo contorno non é casual, senón que é produto e orixe simultaneamente da falla de sensibilidade que ten o conxunto da cidadanía galega, creo que é hora de admitilo. Neste senso o bipartito, enfrontábase a un difícil reto e a estas alturas é xa factible asumir que o goberno de progreso non o aceptou e que se deixou levar. Cómpre dicir que ao mesmo tempo que as dificultades para mudar o panorama son significativas, xestionar o cambio era sinxelo pois calquera pequena acción positiva sería unha pequena revolución.

Quizais esta visión dura do bipartito poida sorprender, non en van a "comunicación" das diferentes consellerías, particularmente, da de Medio Ambiente, é intensa e eficaz. Aínda así hai feitos positivos destacables.

Explotación enerxética insostíbel

É preciso centrarse en grandes bloques temáticos para valorar a política do bipartito. Un deles, particularmente complexo e simbólico, é o da enerxía. Non hai que esquecer varios feitos obxectivos: Galiza é un territorio produtor de enerxía, o que provoca un nivel de emisións de CO2 á atmosfera desmedido. É un territorio cun nivel de explotación dos seus ríos insostible e, inda por riba, apuntándose ao carro das renovables, xa é unha gran potencia mundial en produción de enerxía eólica o que deteriorou hábitats e paisaxes de xeito moi significativo. Podería pensarse que, ao caer en mans nacionalistas a Consellería de Industria, íase poñer orde neste eido, pois a consigna nacionalista durante anos, corríxaseme se me equivoco, foi que Galiza era un territorio enerxeticamente explotado polo conxunto do Estado. Ben, sen ningún debate, que se saiba, pasouse a querer producir máis - a exportar máis- sen que isto supoña ningunha vantaxe competitiva para o país nin se reduzan de xeito real as emisións de gases de efecto invernadoiro á atmosfera.
Por outra banda, poténciase unha política enerxética neoliberal, servil cos intereses das grandes corporacións do ramo, en detrimento do consumidor, dos cidadáns, claramente agresiva coa biodiversidade, a paisaxe e a calidade ambiental galegas, e dende logo territorialmente desequilibrada (canta enerxía produce, poñamos por caso a Comunidade Autónoma de Madrid?). Cando menos sorprendente. Obviamente foi positivo a aprobación no Parlamento da ILP en defensa dos ríos: agora só queda aplicala.

A emisión de gases de efecto invernadoiro e o quecemento global está estreitamente relacionado coa enerxía, como se sinala máis arriba, pero tamén co transporte e as súas infraestruturas. É preciso lembrar que boa parte das emisións de gases invernadoiro á atmosfera proveñen do transporte. Neste eido o bipartito está completamente fóra de onda, ao igual que o conxunto da sociedade galega: en vez de potenciar o transporte público, concretamente, o ferrocarril con vía dupla e a unha velocidade razoable, poténcianse as autoestradas por todo o país e o urbanismo, que fai medrar as poboacións nunha especie de metástase, obriga aos cidadáns a empregar o coche pois non hai alternativa. Pola contra parece que o AVE é o único que preocupa aos políticos ( e técnicos) de toda cor que posiblemente ignoren que para mover un AVE precísase tanta enerxía como para manter unha cidade de 100.000 habitantes. De onde imos sacar esa enerxía? Detrás de todo isto apuntaría como problema de fondo que en Galiza parece ignorarse cales son os fins das infraestruturas pero iso xa é outro conto.

O artigo completo, na edición impresa de TEMPOS Novos (nº 124, setembro de 2007)


Ligazóns

5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: