Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
A BICICLETA: MITOLOXÍA E REALIDADE

Semana europea da mobilidade... todo o ano!

O tráfego urbano é a principal causa de deterioración da calidade de vida nas nosas vilas e cidades. A contaminación atmosférica e acústica do tráfego degrada o ambiente con consecuencias negativas para a nosa saúde (doenzas respiratorias, estrés, perda de audición...). O coche ocupa a maior parte do espazo público, convertendo as rúas e prazas en lugares principalmente de paso, perigosos pola presenza ameazadora do automóbil e sen condicións para cumprir as súas funcións de encontro e de xogo, funcións ás que non debemos renunciar. Cómpre dar un xiro radical na forma de entender o transporte, aplicando criterios ecolóxicos e de sustentabilidade na súa xestión. Neste campo, a bicicleta ten demostrado a súa utilidade polo que é preciso recuperar o seu papel central na mobilidade das persoas.

ADEGA - 20:24 18/09/2007
Tags:

A bicicleta foi o principal transporte privado na primeira metade do século pasado, sendo a Comarca de Ferrolterra, Vigo ou Monforte de Lemos claros exemplos do seu uso mesmo ate os anos 70. A irrupción do automóbil rematou por afastala a ámbitos lúdicos e deportivos. Dende entón, as tímidas iniciativas de promoción da bicicleta sempre toparon coas mesmas argumentacións contrarias, a maior parte delas baseadas en “mitos” facilmente rebatíbeis e outras, aínda que verdade até certo punto, atópanse moi sobrevaloradas por quen non emprega a bicicleta. Seguindo un pouco a clasificación destes factores realizada por Julián Blanco, podemos sinalar como principais eivas atribuídas á bicicleta as seguintes:

- Distancia, pendentes e lentitude: Un das máximas obxeccións ao uso da bicicleta é o esforzo físico e o tempo do traxecto que  implica. Polo contrario, diversos estudios teñen demostrado que en comparativas de traxectos porta a porta entre os distintos modos de transporte, a bicicleta é a máis rápida para traxectos de menos de 5 km (Comisión Europea. En bici, hacia ciudades sin malos humos. Luxemburgo: EU-OP, 2000). Até 8 quilómetros o automóbil é unicamente catro minutos máis
rápido. O problema das pendentes e o esforzo físico, agás casos moi excepcionais, é fundamentalmente unha cuestión de técnicas de conducción e de manexo dos cambios de marchas, ademais do tipo de pavimento polo que discorra o itinerario.
- Factores climáticos adversos: É evidente que as condicións metereolóxicas teñen unha importancia determinante na elección da bicicleta para desprazarse nun momento dado. Agora ben, esta é unha das eivas sobrevaloradas da bicicleta. Hoxe en día hai prendas para o auga e frío de suficiente calidade como para permitir unha conducción cómoda da bicicleta nestas condicións. Países como Holanda, Dinamarca ou Alemaña teñen condicións metereolóxicas máis extremas e acadan cifras de viaxes en bicicleta que centuplican as do noso país.
- Pouca capacidade de transporte: Cunhas alforxas nos laterais, unha bicicleta permite levar con comodidade 10 kg ou máis de carga, sen unha especial condición física. Axuntando un remolque pode chegar aos 45 kg. De calquera xeito, rara vez transportamos máis aló de 4 / 5 quilogramos, carga perfectamente viábel nas alforxas.
- Falla de seguridade: Este é máis unha sensación psicolóxica de perigo por desprotección que un dato obxectivamente maior que no automóbil. Pero é certo que como requisito paralelo ao desenvolvemento da bicicleta como medio de transporte, débese traballar en garantir a súa seguridade ben mediante carrís segregados ou ben creando espazos de convivencia de tráficos.

Agora ben, tamén hai argumentos de moito peso que a sinalan como unha ferramenta de transporte axeitada para as nosas cidades polos grandes beneficios que ofrece en distintos campos:
- Beneficios ambientais: Mínima contaminación atmosférica, do solo e acústica: É xunto con camiñar, o modo de transporte ecolóxico por excelencia.
- Beneficios urbanos: Axuda a desconxestionar as cidades, recuperándoas como entornos con calidade de vida. Reduce a presencia de automóbiles promovendo indirectamente o transporte público ao axudalo a aumentar a súa eficacia. As infraestruturas requiren moito menor mantemento e aumenta o espazo urbano dispoñible: unha bicicleta ocupa 6 veces menos espazo que un automóbil tanto en circulación como aparcando.
- Beneficios en saúde: O exercicio físico suave e continuado que supón a bicicleta xunto coa reducción dos índices de contaminación redunda nunha mellora xeral da saúde da poboación.
- Beneficios socias: É o vehículo democrático por excelencia, valido para calquera idade: estímase nun 10 % a poboación que por condicionantes físicos non podería empregala. Dota de maior autonomía á xente máis nova permitíndolles acceder aos servicios e equipamentos polo seu propio modo de transporte, liberando asemade ás súas familias da necesidade de transportalos. Ofrece un medio de transporte barato a aqueles grupos sociais que non poden acceder a un automóbil.
- Beneficios económicos: Reduce a dependencia das enerxías fósiles. Reduce o número de horas perdidas en atascos e os gastos sanitarios. Evita a construcción de grandes infraestructuras urbanas para o automóbil (aparcamentos). Libera gastos familiares ou persoais até o de agora hipotecados no coche.

A bicicleta ten viabilidade como transporte cotián para a xeralidade da poboación, fundamentalmente en distancias menores de 10 km. Agora ben, combinada co transporte público permite atender distancias maiores, cubrindo as necesidades de traslado de grande parte da poboación. Estes son os dous piares básicos para a integración da bicicleta nun sistema de transportes: o uso autónomo (urbano ou rural) e o uso combinado.

Máis aló de días sen coches ou semanas da mobilidade, onde a conversión dos responsábeis públicos á bicicleta e ao transporte colectivo é só testemuñal, ADEGA reclama un compromiso firme a prol da bici e pola sustentabilidade no transporte con proxectos concretos (máis carrís bici, promoción do alugueiro, "carsharing", aparcamentos disuasorios, etc.) con prazos e orzamentos.

Abonda xa de actos testemuñais: a que agardan os responsábeis públicos para apostar pola bici?


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: