Na actualidade, hai no mundo uns 1.000 millóns de computadores, a maioría persoais, e 27 millóns de servidores. O obxectivo de Google e outras empresas é reducir as emisións de gases e o efecto invernadoiro vencellados a Internet
Google puxo como meta ser en 2008 unha compañía sen impacto nas emisións de gases de efecto invernadoiro, eliminalas mediante a redución do consumo e o investimento en proxectos que ambientais. «Internet é unha tecnoloxía relativamente limpa: mandar unha mensaxe de correo ou descargar un disco ten menos impacto que mandar unha carta ou comprar un CD. E maximizando a nosa eficiencia enerxética, usando fontes de enerxía renovábeis e investindo en tecnoloxía verde, Google axudará a crear un futuro energéticamente máis limpo», augura Urs Hölzle, vicepresidente de Google.
A maior fonte de contaminación dunha compañía como Google é o seu centro de datos, onde se atopan os seus servidores. «Ata 2003, os nosos servidores desperdiciaban dous terzos da enerxía que consumían, como outros do sector». Desde entón, a situación mellorou. Agora, os computadores centrais da compañía consomen a metade. Ademais, Google regala unha bicicleta a cada empregado que quere usala para ir á oficina e ten un servizo de autobuses que consomen biodiesel a disposición dos 1.500 traballadores dun cuartel xeral, situado na área de San Francisco.
«É un sistema de transporte moito máis eficaz que o metro», explica. A empresa usa a videoconferencia fronte ás viaxes e instalou na súa sede xa 1,6 megavatios de paneis solares que «proporcionan un terzo da enerxía que consumimos e amortizaranse en oito anos, co que é rendible para o medio ambiente e para Google», di Hölzle.
Hölzle afirma que non se trata dun problema técnico, senón dunha elección. A clave estriba en que os grandes fabricantes de computadores integrados na Iniciativa Climática Informática establezan estándares de eficiencia que sexan seguidos por toda a industria, como xa ocorre con outros electrodomésticos. Se o obxectivo de reducir á metade o consumo enerxético se cumpre, as emisións de CO2 eliminadas equivalerían a sacar das rúas 11 millóns de automóbiles ou pechar vinte plantas de carbón de 500 megavatios.