Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
No "día para os velocistas"

Mosquera mantense, namentres comezan as loitas entre os ciclistas

Na décimo primeira etapa, máis rápida que a anterior, mantivéronse as clasificacións xerais, ficando Mosquera de quinto, a pesares de entrar no posto 58.

Redacción - 18:05 12/09/2007
Mosquera segue quinto

Mosquera segue quinto

Despois do día de descanso, comezaba unha etapa que dende a organización dicían que era "para valentes", camiño de Algemesí, unha vila valenciana á que chegaron após 191 quilómetros de carreira.

Na proba, que saía de Oropesa del Mar, había dous altos puntuábeis; o de Marianet - de 3ª categoría-, e o de Chirivilla -de 2ª categoría-, nun día que servía para estudar cal pode ser a dinámica dos días que aínda seguen, deica o final da rolda española. O máis significativo desta etapa foi a gran fuxida protagonizada polos corredores do Milram, que estiveron escapados dende o quilómetro 5 ao 183.

As cousas non cambiaron significativamente na clasificación xeral individual -Mosquera segue quinto- mais si mudou a puntuación de montaña, deixando aos tres primeiros con apenas dous puntos de diferencia entre eles.

A etapa gañouna Alessandro Petacchi, do Milram, o que fai a súa décimo oitava vitoria na rolda española, a pesares de que aínda non tiña gañado nada nesta edición de 2007. A vitoria chegoulle após un apertadísimo sprint final contra Paolo Bettini, do Quick Step.

A loita anti-dopaxe na Vuelta
A Comisión de Seguridade e Condicións do Deporte da UCI fixo en Oropesa de Mar, antes da saída, controis de sangue a 57 ciclistas de 7 equipos que foron declarados aptos: Milram, Bouygues Telecom, Karpin Galicia, Predictor-Lotto, Saunier Duval, AG2R e Cofidis. Dos 21 equipos que están a participar nesta proba, tras os controis realizados en Vigo, á saída da rolda, e até o de agora, foron analizados 19, ficando aínda o Andalucía-Cajasur e mailo Quick Step.

As dúbidas na participación do equipo estatal no Mundial de Stuttgart
Moitos dos ciclistas están tentando demostrarlle ao seleccionador estatal, Francisco Antequera, que poden ir convocados ao vindeiro Mundial de fondo en estrada, que se vai desenvolver en Stuttgart a finais deste mes. Aínda hai dúbidas de se óscar Pereiro vai ir convocado, despois dos seus problemas físicos, que o obrigaron a abandonar a Vuelta. Mais o que non se dubidaba é que o seu compañeiro de equipo, Alejandro Valverde, si ía estar convocado. Mais de mañá, e debido ás súas aínda non demostradas implicacións na Operación Puerto, o ciclista do Caisse d'Epargne, comezou un ruxe ruxe que aseguraba que o madrileño non ía poder estar no Mundial, por un posíbel veto da UCI. Despois comezouse a asegurar que a selección estatal podería non participar en apoio a Valverde, mais finalmente a Federación española desmentiuno. Todos os ciclistas están a loitar por esas 9 prazas e aínda non está nada dito.

As impresión de Ezequiel Mosquera

O corredor do Karpin Galicia aínda non cre moito do que lle está a acontecer, pero está a dar un espectáculo para a afección galega. Segundo comentaba aos organizadores da Vuelta, el prefire a prudencia na súa primeira gran carreira.

Segundo dixo, nunca tiña corrido unha carreira en tres semanas e non sabe cómo vai responder o seu corpo. De momento está satisfeito por ter salvado tan ben unha fin de semana tan complicada como a anterior, e de manterse nunha moi boa posición. Mosquera di sentirse moi contento por el e máis polo seu equipo, ao que está moi agradecido polo apoio que deles está a recibir: "estou moi ledo polo meu equipo e por min porque, persoalmente, é unha gran satisfacción, mais sobre todo penso que é importante para o Karpin, para os políticos galegos e para todos os sponsors que nos permitiron saír adiante en 2007. Esta carreira é o noso debut e o certo é que estamos a cumprir con nota, e iso é o importante: devolverlles na carreira o moito que nos axudaron eles dende os despachos".


3,67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: