Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Presupostos Xerais do Estado

O Estado propón 1.800 millóns para Galiza, mais o BNG quere chegar a 2.000

Francisco Rodríguez desvelou que o proxecto que presentará o goberno español prevé "máis de 1.800 millóns para o noso pais, un punto de partida positivo para negociar".

Redacción - 14:01 12/09/2007
Pedro Solbes e Francisco Rodríguez reuníronse esta cuarta feira

Pedro Solbes e Francisco Rodríguez reuníronse esta cuarta feira

O portavoz do BNG no parlamento español, Francisco Rodríguez, amosouse confiado despois da entrevista mantida co Ministro de Economía, Pedro Solbes, para negociar as partidas que serán destinadas a Galiza nos Presupostos Xerais do Estado para 2008. "Teño a confianza de que imos conseguir chegar aos 2.000 millóns de euros", afirmou.

O voceiro nacionalista explicou en rolda de prensa que o encontro resultou positivo porque "se cumpren algúns dos requisitos fundamentais para o BNG: o 8%, do total a investir no Estado, para as infraestruturas ferroviarias, viarias e ambientais, unha das condicións que lle puxemos ao goberno para comezar o diálogo", explicou.

"O punto de partida xa é aceptábel para poder negociar. Non hai dificultades insalvábeis, o proceso está ben encarrilado, o punto de partida é positivo", aseverou, e engadiu que "de inicio xa vai aparecer unha cifra superior ao aprobado o pasado ano para Galiza".

Obxectivo: 2.000 millóns
Nos Presupostos Xerais do Estado anteriores destináronse 1.754 millóns de euros tras as negociacións co BNG. Mais nos deste ano -que previsibelmente serán presentados por Solbes o 21 de setembro en Consello de Ministros- a cifra de partida é superior, algo máis de 1.800 millóns de euros.

"Temos a vontade de acadar finalmente os 2.000 millóns de euros. Unha cantidade que consideramos necesaria para cubrir as demandas que plantexamos", afirmou Francisco Rodríguez.

O BNG condiciona o seu apoio ás contas do Estado ao obxectivo de conseguir os 2.000 millóns para Galiza, que se materializarán nas emendas presentadas ao proxecto de lei nos quince días posteriores ao inicio da tramitación na Cámara Baixa, na última semana do mes de setembro.

En anos anteriores estas emendas, é dicir, a consecución do acordo entre os nacionalistas e o goberno de Zapatero, foron presentadas conxuntamente polo BNG e o PSOE pouco antes de finalizar o prazo de quince días.

Infraestruturas ferroviarias

Francisco Rodríguez indicou que dende o punto de vista das infraestruturas ferroviarias, tiñamos tres obxectivos básicos: o tramo Lubián-Ourense, o tramo Ferrol-A Coruña e a liña Vigo-Porto.

"O noso propósito neste senso é que o goberno asuma o inicio das obras do tramo de alta velocidade Lubián-Ourense no 2008 para que estea operativo no 2012. Xa sabemos que o goberno vai comezar as obras o próximo ano, o que era unha condición indispensábel para nós. Hai garantías sobre isto", anunciou. Ademais, sinalou que "faremos todo o posíbel para que se inicien as obras do tramo Ferrol-A Coruña no 2008, así como que comecen as obras da saída sur de Vigo".

Tamén salientou que está enriba da mesa a cuestión relativa á rede ferroviaria de proximidades ferroviarias: "Estamos inmersos nunha negociación política para que Galiza teña tren de proximidades. Adicamos unha parte substancias das conversas a este tema. Aquí é moi importante a vontade política e a implicación da Xunta".

Por último, explicou que as demandas do BNG na negociación das partidas para o país xiran en torno á mellora da depuración e abastecemento de augas, á rehabilitación do patrimonio cultural en mans do Estado, á mellora das infraestruturas en todas as cidades galegas, á aplicación da lei de dependencia, ao desenvolvemento do agro e á innovación tecnolóxica no naval.


5/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: