Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
SÓ SE PREOCUPA O 16% DOS PAIS

O uso prolongado do computador polos nenos pode causar problemas de visión

Os especialistas alertan da necesidade de controlar o tempo fronte á pantalla.

Redacción - 12:54 07/09/2007

Un de cada dous nenos pasa máis de catro horas ao día fronte á pantalla do computador, segundo a American Optometric Association (AOA). Esta entidade engade que, con todo, apenas o 16 por cento dos pais se preocupa por que os ollos dos seus fillos poidan verse afectados por pasar tanto tempo fronte ao computador, e advirte de que moitos nenos poderían estar desenvolvendo a síndrome de visión de computador debido a un uso prolongado.

"O uso de computadores é unha fonte crecente de problemas visuais e os nenos poderían experimentar moitos dos mesmos síntomas que os adultos. Demasiado tempo fronte a unha pantalla de computador pode causar incomodidade dos ollos, fatiga, visión borrosa e dores de cabeza", afirman especialistas da AOA. "Con todo, algúns aspectos únicos sobre como usan os nenos os computadores poderían facelos aínda máis susceptibles que os adultos a estes problemas", engaden.

Segundo a asociación, os pais deben ser conscientes de que a localización do computador para un adulto pode non ser apropiada para un neno, quen tal vez teña que elevar a vista a un ángulo máis alto. A cadeira ten que axustarse á estatura do neno. A distancia recomendada entre o pantalla e os ollos, para os nenos, é de entre 46 e 71 centímetros. Os ollos dos nenos poderían perder a súa capacidade para enfocar outros obxectos debido ao tempo prolongado de uso do computador.

A asociación recomenda que os nenos tomen un descanso de polo menos 20 segundos por cada 20 minutos de tempo fronte ao computador. Tamén recomenda que pais e profesores estean atentos a sinais de cansazo visual nos nenos, como ollos vermellos, fregarse os ollos, queixas de visión borrosa ou fatiga ocular, ou atención limitada nas tarefas visuais.

Os datos facilitados pola asociación indican que case a metade dos pais non sabe que os problemas conductuales poden ser sinal de impedimentos da visión.
Case un de cada catro nenos en idade escolar ten problemas da visión, pero só o 14 por cento dos nenos que cursan Primaria sométese a un exame visual.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: