O domingo ao mediodía comezan os actos organizados polo Concello de Vilagarcía para celebrar a recuperación de uso público da illa de Cortegada. O acto institucional desenvolverase na sede do
Gato Negro de Carril, onde se proxectará un documental sobre a historia da illa dende a súa doazón até a súa recuperación, un século despois. Tamén se entregarán medallas aos colectivos e persoas que se distinguiron por loitar pola devolución de Cortegada. Tamén se fará unha toma de posesión simbólica da illa, cunha viaxe das autoridades presentes no acto até Cortegada. Despois do acto do domingo, queda pendente un estudo sobre a posibilidade de organizar visitas ao novo terreo público, que forma parte do parque das Illas Atlánticas.
Os veciños de Vilagarcía entregáranlle Cortegada hai cen anos a Afonso XIII para que construíse nela a súa residencia de verán, proxecto que nunca se levou a cabo. En 1978, don Juan de Borbón vendeulla a unha inmobiliaria por 70 millóns de pesetas, que se converteu na súa propietaria até o pasado xoves.