Intermón Oxfam fai un chamamento a gobernos, empresas e consumidores para conseguir un turismo sostíbel e comprometido co desenvolvemento. Ti tamén tes moito que facer.
O verán é a época por excelencia das vacacións e as viaxes e, concretamente, é no mes de agosto cando as propostas turísticas se multiplican. Pero, tal e como explican desde Intermón Oxfam, viaxar é unha experiencia moito máis ampla e profunda do que poida parecer, na que tanto a cidadanía, como os gobernos e as empresas teñen unha importante responsabilidade á hora de contribuír a un modelo turístico máis sostíbel.
O informe Turismo sen Desenvolvemento, recentemente presentado por Intermón, pon como exemplo de malas prácticas a situación que se vive na República Dominicana. O turismo é o sector que máis ingresos lle achega á economía do país, constituíndo o 7% do PIB en 2003. O seu clima, xunto coa calidade e beleza das súas praias, permitiu o desenvolvemento dunha crecente industria turística que conta con máis de 60.000 habitacións, o que lle outorga a maior capacidade hostaleira do Caribe, sinala a investigación.
A cara e a cruz do turismo
Con todo, a ONG denuncia que estas ganancias non reverteron na loita contra a pobreza. O Informe sobre Desenvolvemento Humano 2005 do Programa de Nacións Unidas para o Desenvolvemento, dá testemuño neste sentido de que ese país retrocedeu oito lugares na clasificación do Índice de Desenvolvemento Humano pasando da posición 87 á 94.
Intermón alerta así de que, malia que a industria turística pode promover o desenvolvemento de moitos países empobrecidos a través da creación de emprego, a xeración de divisas e o crecemento económico, tamén ten unha cara escura, como son as fugas de riqueza. "En ocasións estas fugas implican cifras por encima do 80% do valor económico xerado e impactos económicos, sociais, ou ambientais negativos, que cuestionan a sustentabilidade desa industria en moitos países empobrecidos", explica o informe.
Diante desta situación, a organización internacional propón unha serie de medidas que permitan alcanzar un modelo sostíbel de desenvolvemento turístico a longo prazo no que todos os axentes implicados saian beneficiados. Para Intermón os países enriquecidos deben estabelecer políticas de planificación que traten o turismo como ferramenta de loita contra a pobreza, e estabelecer sistemas que permitan un equilibrio entre a protección de recursos naturais e ecosistemas, maximizando a participación das comunidades no desenvolvemento turístico cunha política de incentivos para atraer investimentos estranxeiros que non prexudiquen o desenvolvemento sustentábel do país.
Empresas comprometidas
Intermón afirma tamén que os estados do Norte deben fomentar entre as súas empresas a adhesión aos principais instrumentos internacionais en favor dun turismo sustentábel, coma o Código Ético mundial para o turismo ou o Código de conduta contra o turismo sexual infantil. Estes códigos, e malia careceren de valor vinculante, si indican o camiño que os Estados e operadores privados deste sector deberan seguir para facer da industria turística unha industria máis sostíbel.
As empresas turísticas, pola súa banda, ademais de adherírense e respectar estas normas, deben, segundo a ONG, comprometérense coa realización dunha política madura en Responsabilidade Social Corporativa, e asumiren e garantir o cumprimento de estándares internacionais en materia laboral, ambiental e de dereitos humanos.
Compromiso de todas e todos
A cidadanía non queda tampouco libre de responsabilidades: "Igualmente importante é que os países emisores de turistas eduquen os seus cidadáns de forma que adquiran hábitos de comportamento respectuosos, que non danen a contorna nin produzan explotación", lemos no informe.
A través da publicación do informe, Intermón Oxfam pretende difundir entre os turistas algúns consellos baseados na solidariedade e a responsabilidade; entre outros, abrirse ás culturas e tradicións distintas ás súas, respectando a diversidade; respectar os dereitos humanos e denunciar calquera forma de explotación que os vulnere, especialmente o turismo sexual infantil; axudar a conservar o contorno natural, non comprando, por exemplo, produtos elaborados a partir de plantas ou animais en perigo; respectar os recursos naturais e o patrimonio artístico; comprar artesanía e produtos locais para apoiar a economía local; ou evitar os comportamentos que poidan ofender á poboación local.
A investigación "Turismo sen Desenvolvemento" demostra que o turismo é, despois do tráfico de armas, o maior negocio a escala internacional, por encima da industria automobilística ou petroleira, sendo responsábel do 11% do PIB mundial. O informe relata tamén que a turística é, ademais, unha industria que experimenta índices de crecemento superiores nos países empobrecidos; así, constitúe a primeira fonte de ingresos en divisas nos 50 países menos desenvolvidos, malia que a participación destes neste sector sexa aínda moi pequena, con apenas un 0,4% do total no ano 1996.
Intermón tamén explica no seu informe que na actualidade, en 11 dos 12 países nos que se localiza o 80% da poboación máis empobrecida do mundo, é dicir, persoas que subsisten con menos dun dólar ao día, a actividade turística converteuse na súa principal fonte de riqueza. En paralelo, as previsións da Organización Mundial do Turismo apuntan a un número de viaxeiros superior aos mil millóns en 2010, cifra que se incrementará ata os 1600 millóns en 2020.