Por primeira vez en 198 anos de democracia, os uruguaios poderán votar dende os seus lugares de residencia e elixir a 3 representantes da diáspora no Plenario Nacional do partido.
O Plenario Nacional é o máximo órgano de dirección entre congresos do Frente Amplio uruguaio, a coalición de partidos de esquerda e centro esquerda que goberna o país, presidido por Tabaré Vázquez dende marzo de 2005.
Agora que está constituído o Comité Galego do Frente Amplio, os uruguaios que residen no noso país poderán escoller os seus representantes no partido de goberno dende aquí.
7.000 uruguaios poden votar os seus representantes
A primeira xuntanza do Comité celebrarase este domingo en Compostela, e os seus membros explicaranlles aos asistentes todos os datos relacionados coa súa curta vida e os seus obxectivos primeiros, como as vindeiras eleccións, nas que votarán uns 7.000 cidadáns uruguaios residentes no noso país, e os seus ascendentes e descendentes directos.
Dende o novo Comité tamén afirman que o seguinte paso a dar será a participación directa en todos os procesos electorais que se convoquen no Uruguai.