Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Entrevista cos Cempés

“Agora dise o que se quere dicir e iso enriquece moito”

Cinco discos ao lombo, máis doce anos e infinitos concertos, boas sensacións e un profundo amor pola música. Falamos cos Cempés.

Jéssica Beiroa - 09:30 19/08/2007

Neste proxecto dos Cempés embarcáronse persoas moi diferentes pero, como dixo Oscar Sanjurjo, puido mais a enerxía que o virtuosismo co resultado festeiro e dignificador para a música do país. Isto soa a despedida e éo nunha alta porcentaxe que só eles, Os Cempés, poden determinar.

Vieiros: Cando custa tanto acadar o éxito, por que agora é o momento de separarvos?
Óscar Sanjurjo: Porque pasa de doce anos en activo e cando coñeces a actividade, miras os discos e sabes o esforzo que require daste conta do que son. Hai que mirar o principio e volver cara agora. Non dispós da enerxía e da dedicación de antes. Tés que mirar a vida privada, o que iso supón para cada un de nós e, ou fás cousas novas, ou deixamos de facer en conxunto.

A intención dos Cempés era a de levar a festa ao escenario?
Desde o primeiro até o último momento empezamos a achegar unha forma de levar a música ao escenario cunha forza que non existía. É unha lección de esforzo e seriedade, pero tamén unha contradicción enorme. Comezamos a facer música tradicional nunha taberna de Ferrol desta maneira e nunca deixamos de facelo así. A xente veu que se podía pasar dunha compoñente máis estática á festa no escenario, de estar contraídos a descontraídos... e iso gustou.

Tivestes os vosos referentes e outros miran ou miraron cara vós
Espero que os que veñen beban o estudo dos instrumentos tradicionais que fixemos e que iso se faga como formación dos músicos, que coñezan a teoría para levar á práctica. Fomos artesanais e levámonos polo instinto nun primeiro momento e tamén despois. En canto aos nosos referentes, pois non eramos moi conscientes. Era o único ao que non lle gustaba Tequila, pero inflúete o que escoitas, todo, aínda que non o creas.

Que vos definiu como grupo?
Antes de ser Os Cempés tocamos moitas veces xuntos, pero agora é unha época da vida de menos carallada. Todos os demais teñen familia e iso cambia moito. Aínda así, sempre primamos a enerxía ao vituosismo, a comunicación, os principios e a combinación de persoas. Antón Varela e mais eu eramos moi diferentes e respetámonos como músicos, adaptámonos ás posibilidades de cada un e logo xoga tamén moito o factor sorte.

Deixando a un lado esta última (polo momento) xira cos Cempés, que centra a carreira de Oscar Sanjurjo?
Pois nestes momentos estou no conservatorio folque e nas escolas nas que dou clases de zanfona. Ademais, percorro o país con esta nova experiencia, Bonovo. Ofréceme sensacións e ideas moi positivas e hai un alonxamento bastante considerábel cos Cempés. Incluímos instrumentos tradicionais pasados por electrónico.

Que panorama da música tradicional deixan os Cempés?
Desde dentro vese raro. Adaptaches música de gaiteiro solista ás esixencias do público. Diso agora hai moito; os grupos buscan a súa propia personalidade. Estase volvendo a cantar moito como non se facía antes, nos inicios. A cultura era perigosa daquela e cantas menos palabras se empregasen, mellor. Agora dise o que se quere dicir e iso enriquece moito.


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: