Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Por causar "un alto número de baixas civís"

Oficiais británicos láianse dos bombardeos dos EUA en Afganistán

Amosan a súa preocupación porque están a socavar a confianza do pobo nas forzas de ocupación, gañada tras as recentes conquistas sobre os talibáns.

Redacción - 11:45 09/08/2007
Un soldado británico ás portas dunha casa da vila afgana de Barikju

Un soldado británico ás portas dunha casa da vila afgana de Barikju

O diario estadounidense The New York Times faise eco esta quinta feira do malestar existente entre a comandancia británica en Afganistán debido aos últimos bombardeos das forzas estadounidenses na zona meridional do país, que causaron a morte dun "elevado número de baixas civís".

Un oficial de alto rango citado polo rotativo neoiorquino sinalou en recentes datas que solicitara a retirada das forzas especiais dos EUA deste lugar, xa que a grande cantidade de mortos e feridos que provocaran facía moi complicado gañar a confianza dos seus habitantes.

Tamén outros altos mandos británicos expresaron a súa preocupación por que os avances conseguidos na relación coa poboación tras as recentes vitorias sobre os grupos talibáns fosen dilapidas por culpa da actuación das tropas estadounidenses, e que provocasen unha maior animadversión cara a presencia das forzas estranxeiras.

300 civís mortos en Helmand no que vai de ano

Un portavoz do exército dos EUA negou que fose solicitada a súa retirada por membros das forzas británicas, nin oficial nin oficiosamente, e desmentiu que fosen eles os causantes da maioría das vítimas civís na zona.

Fontes fiábeis calculan que só na provincia de Helmand preto de 300 persoas non militares morreron no que vai de ano, a maior parte a mans das forzas de ocupación, e as menos debido aos ataques dos talibáns.

Segundo o The New York Times este episodio evidencia as diferencias de criterio existentes entre as forzas da OTAN e dos EUA respecto das tácticas para combateren aos talibáns.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: