O concurso organizado por Vieiros e mais a 
Radio Galega para descubrir a canción do verán galega entra na súa fase final. Este sábado fixéronse públicos os dez finalistas de A Polo Ghit! 2007, que decidiron os catro membros do xurado:  Luís Queimada, Vincent Jalo, María Yáñez e Xavier Campos. 
  Os afortunados finalistas son, por orde alfabética: 
Bikos from Madeira, de Snatch; 
Biocultivos, de Sacha na horta; 
Guachin in the sky, de Chupadeskay;  
Mira como canta, de Pandeiromus; 
8 que 80, de Kogito; 
O son do Son, de Mordecáns; 
Pinguinha, de Amacuca; 
Ti es de aquí ou viñeches á festa, de Magín Blanco; 
Tranquilo, viejo, de Jabón Blue, e 
Verbenero, d’Os Forfiestas. 
  Xa están abertas ás votacións entre os dez escollidos na 
web de A Polo Ghit! Tamén se poden seguir escoitando e descargando os outros 42 temas que se presentaron ao concurso. Como xa pasara coa escolla dos finalistas, o xurado terá en conta a decisión dos internautas, que tamén servirá para desfacer posíbeis empates. 
  A canción gañadora do concurso coñecerase o 18 de agosto. As votacións do público tamén servirán para escoller -no caso de que non coincidan coa do xurado- o recoñecemento moral de canción máis popular.