Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Rexeitan a proposta da directora xeral de Fomento e Calidade da Vivenda

PPdeG e PSdeG enfadan con Encarna Otero por rexeitar o complemento ao soldo dos altos cargos

"Teño entendido que é delito a desobediencia ás leis", opinou o secretario de Organización do PSdeG e conselleiro de Traballo. Encarna Otero propuxera en Vieiros a "insumisión" económica contra o privilexio concedido aos altos cargos da Xunta.

Redacción - 09:30 03/08/2007

"Cando eu, como funcionaria pública volva ao meu traballo como docente quero ser igual en dereitos e deberes que os compañeiros e compañeiras que traballan comigo no centro de ensino onde teño o meu destino, e xunto con eles e elass ser quen de reclamar se é preciso que a administración nos retribúa e considere o noso traballo coa dignidade da que somos merecentes; calquera outra situación sería privilexio e polo tanto mal uso do diñeiro público e contrario a práctica democrática que a política e a ética me esixe como militante, como galega e como funcionaria pública".

Así o expoñía este mércores en Vieiros a actual Directora Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda. Referíase Encarna Otero á reforma da lei de Función Pública e a polémica disposición adicional 17, que fixa un gorentoso complemento salarial para os altos cargos por unha cantidade de 14.721 euros até a xubilación. Malia que ela mesma se podería ver beneficiada por eses cartos no seu momento, subliña no artigo o seu desacordo con ese privilexio e pídelle ao resto de altos cargos da Xunta que fagan presión contra a norma. Así, Encarna Otero propón mesmo a "insubmisión" económica como "criterio ético", opinando que só así Galiza e o seu Goberno poden ser exemplo de "ética rexenerativa".

Populares e socialistas anoxan
O posicionamento de Encarna Otero acendeu xa as primeiras críticas no ámbito das formacións políticas. O secretario de Organización do PSdeG, e tamén Conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, considerou que "non foron as manifestacións máis afortunadas" de Otero e limitouse a sentenciar que desobedecer unha lei "é delito".


Desde o PPdeG, que apoiou e emendou especificamente a reforma lexislativa que amarra ese incremento salarial para os que foron altos cargos durante os sucesivos gobernos populares, tamén houbo pronunciamento este xoves. Así, o secretario xeral do PPdeG, Afonso Rueda, desviou o desafío de Otero e limitouse a recomendarlle ao bipartito que "a austeridade ten que iniciarse noutros lados", citando o que cualificou de exceso de asesores en Vicepresidencia ou a compra en Presidencia dun coche por valor de 250 mil euros.

Nos dous casos, tanto socialistas como populares evitaron referirse ás implicacións éticas sobre as que desafía Encarna Otero no seu artigo en Vieiros.

Unha reforma que "só valeu para consolidar os salarios dos altos cargos"
Así a analizan desde CCOO-Galicia, lamentando ademais que garanta esas cantidades extra mesmo "con efectos retroactivos". Recordan tamén que a polémica disposición adicional non foi sequera negociada cos representantes do persoal. "Só beneficia uns poucos e hipoteca, polo custo que supón, as futuras negociacións do conxunto dos empregados públicos", denuncian, insistindo en que os contidos reformados non garantirían "nin máis profesionalidade nin máis transparencia".

Tamén belixerantes son desde a CIG, criticando o "sobresoldo vitalicio" concedido aos altos cargos, que abranguerá sen distingos até dous milleiros de persoas, desde directores xerais até delegados provinciais ou directores de entidades e fundacións. Un gasto extra que cualifican de esaxerado e que lle permitiría ademais a moitos funcionarios cobrar grandes cantidades sobre o soldo de actuais compañeiros aínda facendo o mesmo traballo. Refírense así a unha utilización "interesada e mercantilista" da reforma.

Por outra parte, o chamado Movemento de Igualdade no Emprego Público, aproveitando o artigo de Encarna Otero reiterou a súa posición en contra da disposición adicional 17. Cualifican de "atentado" a reforma da que opinan que "racha o principio básico de obxectividade no acceso ao emprego público". Ao respecto presentaron un recurso diante da Fiscalía contra a reforma e avanzan que acudirán tamén ao Valedor do Pobo. Así, solicítanlle a Emilio Pérez Touriño que se derrogue a lei.


4,7/5 (20 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: