O director de cinema e dramaturgo sueco finou aos 89 anos na súa casa.
O mundo do cinema está, unha vez máis, de loito. Un dos cineastas máis senlleiros do século XX, o sueco Ingmar Bergman, finou este luns na súa casa da illa Fårö, no Mar Báltico. A nova confirmárona unha voceira do Teatro Dramático Real e mais a súa filla, Eva Bergman, quen declarou que a morte do director fora “doce e tranquila”.
Aos seus 89 anos de idade, Bergman deixa máis de corenta filmes, entre eles tres premiados pola academia do cinema estadounidense á mellor produción en fala non inglesa: O manancial da doncela (1961), A través dun cristal afumado (1962) e Fanny e Alexander (1984), aínda que son ben coñecidas obras mestras como O sétimo selo, Amorodos salvaxes (as dúas de 1957), Persona (1966) ou este Berros e murmurios (1973), que se proxectou o pasado xoves en Compostela.