Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Día de Galiza

"Nunca gobernamos tanto e a tantos"

Expresou este mércores en Compostela o voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana, a convicción de que "nunca tivemos tantas oportunidades de facer nación a diario".

Redacción - 09:00 26/07/2007

"Hoxe somos un pouco máis nación porque os que defendemos que Galiza é unha nación temos máis capacidade de tomar decisións que comprometan as institucións na construción nacional de Galiza". Así o sostivo o voceiro nacional do Bloque Nacionalista Galego, Anxo Quintana, durante a súa intervención este mércores na Praza da Quintana en Santiago de Compostela.

No Día de Galiza, o líder dos nacionalistas galegos salientou a súa seguridade de que o poder adquirido polo BNG despois dos recentes comicios "fai a Galiza máis libre para decidir sobre o seu destino e sobre as políticas que lle afectan á vida de máis galegos". Quintana falou nese sentido para a militancia e simpatizantes do Bloque convocados este mércores en Compostela, do exercicio de autodeterminación entendido como "un proceso dinámico para acadar cada día maior capacidade de autoorganización e maiores cotas de autogoberno".

"Temos unha misión histórica e estámola cumprindo, construír unha nación de cidadáns, saldar dunha vez por todas a débeda histórica de benestar e igualdade que o Estado ten con Galiza e converter a nosa nación nun referente de vangarda", afirmou Quintana durante o seu discurso ao finalizar a tradicional manifestación convocada polo BNG en Santiago, "os recursos de xestión política nas mans do BNG constrúen todos os días espazos de decisión soberana de Galiza", indicou.

Cara ao "Estatuto de nación"
"É tempo de fortalecer o BNG desde a autoestima e o optimismo", comentou o Anxo Quintana antes de pasar a destacar que a súa intención desde o liderado do Bloque é que "Galiza vai ter un Estatuto de todos e un Estatuto de nación". "Intentaron que renunciasemos a ser nación e atopáronse coa resposta contundente, firme e intelixente dun páis que é nación e quere selo con todas as consecuencias", afirmou, reprochándolle ao PPdeG que de non intervir os nacionalistas na negociación existiría "un Estatuto rexional e de segunda".

"A oportunidade de que Galicia teña o Estatuto de Nación que merece segue segue sendo o noso compromiso e témolo que aproveitar", destacou a continuación, reflexionando que Galiza é un país que "quere ser unha nación con todas as súas consecuencias". "Galiza móvese pola forza e o impulso dunha maioría social clara e rotunda que aposta sen medo e sen complexos por ter o Estatuto de primeira que quere", dixo Quintana.


4,75/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: