Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crónica dende a India II

Vodas e poesía rebelde

María Reimóndez achéganos unha nova crónica, onde nos conta tres exemplos da situación das mulleres na India: os casamentos, a represión sobre a súa liberdade creativa e de expresión, ou a necesidade de que os homes se impliquen no coidado dos fillos.

María Reimóndez - 11:25 23/07/2007

Vodas

Dende que tiña por aí uns tres anos nunca volvín ir a unha voda. Pode ser que me rodeo de xente anti vodas ou que teño unha familia moi pequena. Pero o outro día convidáronme a unha, a da miña amiga Nuria e o seu mozo Sabu (estou segura de que este non é o seu nome de verdade pero é o que lle chama todo o mundo), que viven en Londres, pero ela é orixinaria de Vigo e el de Kerala.

Como se isto da invitación fose premonitorio, Bobby, con quen volvín comer hoxe, cóntame a voda da súa irmá Geetha, que sen dúbida atopou unha parella ben "peculiar". O home acordou con ela non seguir ningún rito tradicional nin ler ningún texto tradicional na voda (voda laica, pero aínda así) porque considera que van en contra dos dereitos das mulleres, cousa na que ten meridiana razón (un dos ritos nas vodas hindús é dar sete voltas ao redor do lume nas que a muller leva a punta do sari atada á roupa do home e o segue coa cabeza abaixada en sinal de submisión, e este é un dos exemplos nada máis, e nas cristiás para que comentar...).

Ante o meu abraio Bobby explicoume que Jerome, o noivo, é amigo de Kutti Revathi, unha das poetas máis fascinantes do panorama támil actual a quen espero coñecer en breve e da que están no prelo poemas, xunto con outros de Salma, Andal, Malathi Maitri, Sukirtharani e poetas galegas como Marilar Aleixandre, Yolanda Castaño, Chus Pato, Marta Dacosta, Mª do Carme Kruckenberg e Yolanda López nun libro que sacará Implicadas no outono chamado Vanakkam-Benvidas e onde combinamos a voz de poetas támiles con poetas galegas. Aseguro que paga a pena!

A poesía (rebeldía?) págase

Kutti Revathi non é só unha excelente poeta. É unha muller polémica e que busca cambiar o que a rodea non só polas súas palabras (que tamén son actos). Vive co seu mozo sen casar, algo que aquí non está para nada nin sequera asimilado de palabra. Protesta cando lle toca ante o que ve. A repercusión da súa rebeldía chegou a molestar tanto á crítica patriarcal que ademais de clasificala como puta sen ningún rubor decidiron vingarse dela con escarnio público.

Un director de cine támil non tivo o máis mínimo problema en incluír unha escena na que o protagonista do filme comercial facía unha longa disertación advertindo á heroína (que dicía ser amiga de Kutti Revathi) que nin se lle ocorrese andar con esa, e pasaba a enumerar todos os "delitos" cometidos pola poeta e a súa baixa escala moral. Desta vez tampouco calou a Kutti Revathi. Pero por dentro só nós sabemos o que pasa. O valor págase tantas veces con outras cousas. Pero hai persoas ás que nin o escarnio público pode calarlles a coherencia.

Reunión de pais

Dende case o inicio do proxecto cada mes se organizan xuntanzas entre familias e as animadoras para facer seguimento das nenas e nenos que asisten ás clases de apoio. Malia que o proxecto fixo un especial esforzo en implicar aos pais, son normalmente as mais as que asisten a estas xuntanzas. Iso, obviamente, non é nada sorprendente, non fai falla máis que ir a calquera colexio galego para comprobalo.

En calquera caso a nós non nos vale a normalidade e en Paduvai Nagar abrimos o debate sobre este asunto. Só hai un home presente. Os argumentos son coñecidos, os homes teñen que traballar e non teñen tempo. Durante un anaco argumentamos: as mulleres tamén temos que traballar, e dobre por certo, pero como entendemos isto como a nosa obriga, organizamos o noso tempo de tal maneira que poidamos asistir ás xuntanzas, dar de comer a nenas e nenos e outras actividades de tipo social.

Non é unha cuestión de tempo ou desocupación senón de prioridades. Tamén lles digo rindo que xa está ben de que defendan aos seus homes, que sexan eles os que argumenten. E elas propoñen que na próxima xuntanza asistan eles sós. Comprométome a estar presente. O día 25, independentemente dos meus restantes traballos, estarei en Paduvai Nagar para ver o que eles teñen que dicir. Será a primeira reunión -esta vez si- de pais.


2,75/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Clases de apoio en Paduvai Nagar. Foto: María Reimóndez
Clases de apoio en Paduvai Nagar. Foto: María Reimóndez