A primeira das dúas actividades constará dunha charla que versará sobre os ecosistemas litorais galegos e os danos que crean neles as especies alóctonas facendo fincapé na herba do coitelo; ó rematar a charla realizarase un roteiro temático sobre especies alóctonas polas Illas Cíes onde se poderán apreciar in situ os conceptos explicados durante a charla. Pola contra, a actuación de erradicación de herba do coitelo na Illa de Sálvora consistirá na extracción manual desta especie dalgunhas zonas da illa onde é abundantísima gracias á plantación masiva levada a cabo no lugar durante o século pasado.
O método de extracción será moi simple e consistirá en retirar as prantas do areal coas mans cubertas con luvas e sen axuda de ferramentas tendo moito coidado de non deixar ningunha parte da pranta na zona de actuación para evitar posteriores rebrotes. Os restos vexetais meteranse en sacos erméticos que serán levados a terra para o seu posterior tratamento na pranta de compostaxe de Lousame.
Con esta campaña de erradicación de herba do coitelo, Verdegaia pretende realizar actuacións puntuais que axuden a mellorar o estado de conservación dos ecosistemas litorais, que xeneren un debate social arredor desta e outras especies alóctonas presentes en Galicia e que incentiven ós propios concellos e administracións competentes a levar a cabo medidas de conservación nas dunas, areais, e ecosistemas costeiros en xeral.
As dúas especies de herba do coitelo presentes nos areais galegos son de orixe sudafricana, aparecendo subespontaneamente en zonas de praia ou recubrindo rochas litorais.
Ó contrario do pensamento habitual de que a herba do coitelo é unha pranta propia de Galicia (xa que a xente a leva vendo nos areais dende fai moitos anos) e que é moi bonita e inofensiva, a herba do coitelo xenera importantísimos danos nos ecosistemas litorais como a extinción das especies autóctonas nas zonas onde se asenta, a homoxeneización do ecosistema, o freo ó tránsito de area polas dunas onde está presente,... co que a súa erradicación é a única medida posible para manter en bo estado de conservación os lugares onde aparece.