Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Carlos Aymerich e Ermitas Valencia apoiaron a Eduardo Álvarez

Un membro da Mesa vai a xuízo acusado de inxurias polo xuíz decano da Coruña

Eduardo Álvarez foi denunciado polo xuíz decano Antonio Fraga Mandián por aldraxes, tras solicitar o uso do galego nunha notificación xudicial.

Redacción - 17:30 16/07/2007
Eduardo Álvarez  / Foto: CIG

Eduardo Álvarez / Foto: CIG

Todo comezou en febreiro-marzo do ano pasado. Eduardo Álvarez, membro da Mesa e responsábel comarcal da CIG-Ensino, fixo unha demanda e ao pouco recibiu a notificación da mesma en castelán e co topónimo La Coruña, no cabezallo e no selo do xulgado.

"Eu, que coñezo a Lei", díxolle Álvarez a Vieiros, "acollinme aos meus dereitos -segundo o artigo 7 da Lei de normalización lingüística, todo cidadán ten dereito a recibir notificacións xudiciais na lingua que el mesmo escolla-, e envieille unha queixa ao xuíz decano, Antonio Fraga Mandián, xa que se estaban a conculcar os meus dereitos lingüísticos". Mais a resposta do xuíz foi directamente aos medios de comunicación, en forma de comunicado, que moitos publicaron por enteiro, e no que se precisaba o nome completo de Álvarez, vulnerando o seu dereito á intimidade.

Daquela, os medios de comunicación comezaron a chamar a Antón Álvarez para saber da súa opinión, mais un deles publicou, segundo relata Álvarez, informacións "que eu non dixera", nas que puñan na súa boca as palabras cínico e mentireiro, para se referir ao xuíz decano, Fraga Mandián.

"Os dicionarios definen o cinismo como a actitude de quen mente descaradamente para xustificar unha ilegalidade"

Esta foi a frase que Antón Álvarez dixera naquela altura a aquel medio, referíndose a como o xuíz decano tentaba ocultar a ilegalidade de empregar o topónimo "La Coruña", chamándolle "erro de imprenta".

Ao saíren publicadas estas informacións, o xuíz decano demandou a Eduardo Álvarez por inxurias, e o xuízo vaise celebrar, un ano e pouco máis despois, esta cuarta feira ao mediodía, no Xulgado de Instrución número 4 da Coruña. En canto á súa demanda, tras ser desestimado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) e polo Consello Superior do Poder Xudicial (CSPX) (a pesar de darlle a razón o vicepresidente e un vogal), agora anda na sala 3ª do Tribunal Supremo, agardando resposta.

O BNG apoiou publicamente a Eduardo Álvarez


Esta segunda feira, dous días antes do xuízo, o voceiro do BNG no Parlamento de Galiza, Carlos Aymerich, e a concelleira de Normalización Lingüística do Concello da Coruña, Ermitas Valencia, expresaron o seu apoio a Eduardo Álvarez.

"O único monolingüismo aquí é o castelán", sinalou Aymerich, asegurando que o seu partido sempre "vai batallar" para que non se conculquen os dereitos de empregar o galego, e que non pensan "desistir", como dixo o xuíz decano Fraga Mandián, que terminarían por facer. Por outra lado, Ermitas Valencia afirmou que, vendo casos coma este, "está claro que en Galiza segue sen ser posíbel vivir en galego".


3.85/5 (13 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: