Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Críticas do BNG á rexedora do PPdeG

Acusan a alcaldesa de Betanzos de atrasar a posta en marcha dunha galescola e un centro de día

María Faraldo xa fora protagonista da circular enviada a alcaldes do PPdeG onde propoñía "a dilación" da sinatura dos convenios antiincendios.

Redacción - 11:40 15/07/2007

"Pretende atrasar todo o posíbel a execución destes dous proxectos impulsados polo BNG e seguir na liña de confrontamento co goberno galego que empezou na súa etapa de oposición", censuran desde a dirección do BNG en Betanzos.

A denuncia chega despois das declaracións da alcaldesa do PPdeG, María Faraldo, que esta semana se reuniu co vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, para falar destes e outros investimentos posíbeis na cidade. Ao respecto do ambulatorio, Faraldo puxera en dúbida xa cando estaba na oposición a instalación do centro de día no edificio do antigo ambulatorio, tal e como prometeran os nacionalistas. Logo de ser cedido o edificio, pasou a reivindicar que este non tiña espazo abondo. Agora, cando o Goberno está disposto a construílo, propón trasladalo a outra localización. No que lle toca á galescola, o Bloque repróchalle á rexedora a demora e a posíbel renuncia a expropiar os predios fixados para a súa construción.

Na memoria, os atrancos ás brigadas contra o lume
A agora alcaldesa xa estivera en primeiro plano hai un ano na súa calidade de integrante da dirección do PPdeG coruñés, cando se filtrou aos medios de comunicación a carta enviada a alcaldes do seu partido na provincia ao respecto dos convenios para a contratación de brigadas de incendios.

"Non parece que estas diferencias teñan a suficiente entidade para xustificar unha decisión xeral dos Concellos do PP de non asinar os Convenios, sobre todo pensando en que, se houbera, como o ano pasado, moitos lumes, a Xunta intentaría responsabilizar ao PP ante a opinión pública por esta decisión. Polo tanto, proponse a seguinte estratexia, baseada na dilación pero non na negativa", recollía a polémica "Proposta de Actuación". O documento fora froito da crítica tamén no interior do PPdeG, especialmente no contorno da provincia da Coruña, onde diversos sectores non verían con bos ollos o protagonismo de Faraldo no partido.


4.43/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: