Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Será prioridade no programa do PP

Rajoy e Feijoo piden unha lei electoral que privilexie os partidos maioritarios

Mariano Rajoy cualificou de "caduca" a lexislación electoral actual e Alberte Núñez Feijoo laiouse do que definiu como "sometemento a forzas minoritarias".

Redacción - 13:25 13/07/2007

Insistiu este venres o presidente do Partido Popular, Mariano Rajoy, nunha teima que xa destacou en público nas últimas semanas: a reforma da lei electoral. Co voto da dereita concentrado na maior parte do Estado case en exclusiva no PP e diante da maior fragmentación do voto da esquerda, a estratexia do PP para gañar cota de poder pasa agora por impulsar reformas que eviten a posibilidade de pactos poselectorais.

Nese sentido, non foi casual a escolla do acto deste venres en Madrid, no Fórum Nueva Economía, onde Rajoy presentaba unha conferencia do presidente do PPdeG, Alberte Núñez Feijoo. Así, o líder do PP salientou que o seu partido "gañou con claridade" en Galiza "con máis de dez puntos sobre o segundo e vinte sobre o terceiro", e queixouse de que a perda da maioría absoluta o botase fóra do poder.

Lei electoral "curiosa"
"A existencia dunha lei electoral que está caduca, pasada de moda e que vén a interpretar de forma curiosa o sistema democrático, deu lugar a que en moitas zonas onde o PP é a primeira forza e máis aínda cunha abismal diferenza sobre o resto, estea pola contra na oposición", laiouse Mariano Rajoy.

En relación ao goberno galego, Rajoy referiuse ao presunto "descaro" co que na súa opinión "gobernan algúns que quedaron a distancia sideral do primeiro". Ao tempo, presentou o líder do PPdeG coma "un loitador que non lle ten medo aos cambios". "A Galiza cómprenlle presidentes así, que demostrasen ser bos xestores, persoas que non enreden en debates identitarios", comentou Rajoy sobre o voceiro dos populares galegos.

Feijoo di que o voto "a cada paso vale menos"
"O que antes se solucionaba nas urnas agora tense que resolver nos despachos", afirmou Alberte Núñez Feijoo. Segundo reflexionou, os pactos políticos en Galiza serían exemplo de mensaxes "moi perigosas" aos cidadáns, que na súa opinión transmiten que "a cada paso o voto vale menos".

Afondando na proposta realizada anteriormente por Mariano Rajoy, Núñez Feijoo pediu que os alcaldes se escollan directamente, e propuxo sistemas como o da dobre volta, ou a asignación da representación ao candidato máis votado nun área determinada. Feijoo dixo considerar prioritaria a reforma para os comicios locais e autonómicos e propuxo pasar despois á reforma do sistema para as eleccións xerais, estremo sobre o que recoñeceu que requiriría de modificacións constitucionais.

Ao respecto, Feijoo convidou ao PSOE a apoiar a curto prazo unha reforma neste sentido, indicando que aínda que a este partido lle perxudicaría a curto prazo, "interesaríalles a medio e longo prazo".


4.5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: