As regatistas galegas consiguen deste xeito, a clasificación para os Europeos de Estambul. Os seus compañeiros, Nicolás Rodríguez e Ricardo Lorenzo, ficaron a só un punto da clasificación para o Europeo Xuvenil.
As dúas regatistas do equipo Caixanova-RCN Vigo, proclamáronse na segunda feira subcampioas desta copa, que se disputou en augas mallorquinas entre os días 6 e 9 de xullo, organizada polo Club Náutic S'Arenal e na que participaron 75 tripulacións.
As viguesas, que xa foron dúas veces campioas galegas, conseguiron, deste xeito, unha praza para o Campionato de Europa absoluto que se celebra en Estambul (Turquía) a finais do mes en curso.
Foi unha bandeira negra
A que na última manga da regata, privou a Nicolás Rodríguez e Ricardo Lorenzo dunha praza no Europeo Xuvenil na súa primeira tempada na clase 420.
As outras viguesas na competición, Alba Rego e Noelia Caride, a pesares de ter moi bos resultados o primeiro día de competición, finalizaron no posto 40º (9º no feminino) polas irregulares mangas das dúas últimas xornadas.
Máis galegos na competición
Ademais dos deportistas do clube vigués, estaban en Mallorca competindo na clase 420, Nicolás Soto e Iago López (que terminaron con 178 puntos), Hugo Fernández e Sergio Crespo (129), Bruno Gago e César Conde (274), David Gestoso e Fernando Vázquez, do LC Vilagarcía (323) e Tomás e Alejandro Muíños, do CND Riveira (460).