O conxunto dos grupos parlamentarios no Congreso, alén do PP, aparcaron a lea antiterrorista nos discursos. Non haberá apoio para a petición dos populares de que se fagan públicas as actas das xuntanzas do executivo coa ETA.
O PP teimou en lanzar como proposta estrela no "Debate sobre o estado da nación" a proposta de resolución para que o goberno español envíe ao Congreso para o seu debate as presuntas actas onde se recollería o detalle dos contactos do executivo coa ETA durante o proceso negociador despois do cesamento de fogo agora finalizado.
Antes de agora, nas negociacións desenvolvidas coa ETA polos gobernos do PSOE, baixo a presidencia de Felipe González, ou do PP, presididos por José María Aznar, eses documentos nunca foran difundidos pola administración. Si se coñeceran detalles a través das presuntas filtracións atribuídas á propia ETA.
Fronte a este asunto, nas intervencións do martes e o mércores todos os grupos subliñaron o apoio ao executivo neste punto, e censuraron a posición do Partido Popular, ao que mesmo acusaron nalgún caso de "boicotear" o período de tregua por intereses partidarios. Os voceiros parlamentarios referíronse tamén ao debate onde a maioría do Congreso lle outorgou ao goberno español a confianza para iniciar o diálogo coa ETA.