Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"Debate do estado da nación"

Os retruques de Zapatero: vontade de colaboración pero escasos compromisos concretos

José Luís Rodríguez Zapatero confrontou este mércores cos voceiros dos grupos parlamentarios nun ton radicalmente distinto ao visto no Congreso o día anterior. Desde todas as bandas, contemplouse maior diversidade de temas e maior esforzo pola procura de puntos de encontro.

Redacción - 18:44 04/07/2007

O presidente do goberno español cualificou de "xeneroso" o apoio do BNG durante esta lexislatura e dixo confiar en que esa colaboración se estenda no tempo e funcione á par da colaboración na Xunta. Referiuse ademais á reforma estatutaria en Galiza e dixo compartir a "decepción" do Bloque polo fracaso dunha reforma. Sobre o tema, indicou que o PP acaba de darlle o si ao novo estatuto canario, mentres nega o acordo para Galiza. Respecto ás críticas do voceiro nacionalista pola perda de poder adquisitivo dos cidadáns, asegurou que as cifras actuais fan media unicamente até o ano 2005 e que o executivo español disporía de datos que amosarían unha evolución "máis favorábel" na actualidade.

E porén, Zapatero pasou por alto as referencias de Francisco Rodríguez á necesidade de incrementar o esforzo orzamentario en infraestruturas, e por exemplo non fixo mención á solicitude dunha viraxe de actitude arredor da construción naval civil. Ao respecto, o deputado galego queixouse de que o presidente español non quixese "entrar en contradicións e confrontación" sobre as reclamacións que lle foran formuladas.

Coincidencia co PNV sobre o proceso de paz
Zapatero agradeceulle ao representante do PNV a "confianza" e a actitude mantida pola formación durante a recente tregua da ETA, considerando que se abriu un importante "espazo de colaboración" entre PSOE e PNV. En resposta a Josu Erkoreka, voceiro do PNV no Congreso, Zapatero louvou a posición dos nacionalistas vascos "en favor do interese xeral" e da "paz e a convivencia" e cualificou de "exemplar" o comportamento do PNV. Por outra parte, Zapatero subliñou que o goberno español non accederá ao traspaso das competencias en institucións penitenciarias nin da caixa única da Seguridade Social. Por outra parte, cualificou de boa a situación da negociación sobre o "cupo" e o "concerto vasco". Erkoreka amosárase optimista no primeiro punto pero pesimista no que respecta ao concerto.

Despedida a Labordeta
O deputado da Chunta Aragonesista, José Antonio Labordeta, afirmara na súa intervención que de ser hoxe o debate de investidura non lle concedería a José Luís Rodríguez Zapatero o seu voto, ademais de reprocharlle que non fixese mención á Exposición Mundial de Zaragoza en 2008 e criticar que o PSOE desprezara en Aragón á Chunta nos pactos despois dos recentes comicios e denunciar que o goberno español acumulou significativos incumprimentos con Aragón no seu conxunto e con Teruel en particular.

Ao respecto, Zapatero puxo distancia co que cualificou de decisión particular do líder do socialismo aragonés, Marcelino Iglesias, e prometeu que o executivo será ambicioso co plan de investimentos en Teruel, para o que asegurou que se destinan catro mil millóns de euros. Por outra parte, Zapatero tivo gabanzas para o labor parlamentario de Labordeta, confesou que o seu voto en 2004 lle emocionara especialmente e arrincou dos poucos deputados presentes unha inédita ovación e aplausos conxuntos para o deputado aragonés na súa despedida.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: