A presidenta do Tribunal Constitucional di que se resolverá "cando corresponda por razón cronolóxica", debido aos "moitos asuntos" pendentes que ten o TC.
María Emilia Casas
O Tribunal Constitucional (TC) demorará a resolución do recurso presentado polo goberno español en abril contra a Lei de Dereito Civil de Galiza, aprobada en xuño do ano pasado, debido a que ten "moitos asuntos e outros moi antigos que se resolverán antes".
Así o asegurou este luns a presidenta do TC, María Emilia Casas, antes de impartir en Compostela a charla O Tribunal Constitucional na actualidade, que clausurou o primeiro Curso Superior de Dereito Público, organizado pola Asesoría Xurídica da Xunta, a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e a Fundación Caixa Galicia. No acto estiveron presentes a presidenta do Parlamento, Dolores Villarino, e o delegado do goberno español en Galiza, Manuel Ameijeiras.
"É un recurso relativamente recente formulado polo presidente do goberno español en 2007 -a resolución foi aprobada no Consello de Ministros do 23 de abril de 2007-, e resolverase cando corresponda por razón cronolóxica", subliñou. "O Constitucional ten moitos asuntos e outros moi antigos que se resolverán antes", engadiu.
Recursos contra as reformas de estatuto
Neste senso, María Emilia Casas insistiu en que o TC ten un "número de recursos moi relevante e dunha importancia transcendental", como por exemplo, segundo precisou, "as impugnacións contra os estatutos reformados de Valencia, Andalucía e Cataluña".
Ao respecto, Casas apuntou a "relevancia" destes xa que, segundo sostivo, "son normas que determinan a constitucionalidade doutras normas", polo que xustificou que se adiantase a súa resolución a outros asuntos do TC.
Ademais, salientou o momento "moi crucial" no que se atopa o TC, tanto polo "número de recursos a resolver coma pola calidade ou importancia dalgúns dos asuntos".
Neste senso, Casas lembrou as sete impugnacións con que conta a reforma de estatuto de Cataluña "da cales dúas son moi amplas: a do Partido Popular e a do Defensor do Pobo español. "O TC decidirá as impugnacións no menor tempo posible que sexa capaz", aseverou.