Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Euskadi

Edición xestionada por Vieiros
RSS de Euskadi
Sen papas na boca na televisión británica

"O principal obxectivo de Batasuna é rematar coa violencia; sabémolo ben porque a sufrimos en primeira persoa"

Pernando Barrena di na BBC que "a violencia de ETA existe porque os dereitos dos vascos están conculcados".

Redacción - 11:45 22/06/2007

O programa da televisión pública británica, BBC, Hard Talk entrevistou recentemente ao dirixente de Batasuna Pernardo Barrena en Donostia. Na charla, que foi emitida este xoves, o presentador Stephen Sackur pregúntalle polos temas máis candentes do conflito vasco, tal como a fin da 'tregua indefinida' da ETA, a non condena da violencia por parte da esquerda abertzale, ou o exemplo do proceso levado a cabo en Irlanda do Norte.

"Nós non somos da ETA, non representamos á ETA", advertiulle Barrena ao presentador ao comezo da entrevista, e culpou ao goberno español da decisión da organización armada de romper o cesamento do fogo, pola súa "falla de coraxe".

Segundo Barrena, o Executivo de José Luís Rodríguez Zapatero "culpa á ETA de todo o que ocorre en Euskadi". "Foron eles os que incumpriron os acordos, ao non crear unha mesa de partidos e ao illar politicamente á esquerda abertzale", afirmou.

Rendición dos socialistas á ETA

Xa que logo, preguntado polas acusacións do Partido Popular sobre a hipotética 'rendición' dos socialistas ante á ETA, o dirixente de Batasuna manifestou que isto non era certo. "O problema foi que se o goberno español só quere falar do desarme da ETA, non hai posibilidade para o diálogo; cando sentas a negociar con alguén non podes impor o teu criterio".

Respecto as similitudes co caso de Irlanda do Norte, Pernardo Barrena recoñeceu que aprenderan moito dese proceso, sobre todo que "o conflito político ten que ser solucionado polas vías políticas, negociadas e dialogadas".

Maior autonomía e benestar social de Europa

Nun momento da entrevista, Stephen Sackur pregúntalle a Barrena como é posíbel que, sendo Euskadi a rexión con maior autonomía e cota de poder e cos niveis económicos e de benestar social máis altos de Europa, haxa unha banda terrorista que segue a matar. "Que máis queren?", cuestiona, ao que o representante abertzale responde que "os vascos non podemos decidir sobre o noso futuro"

"Nós non pedimos que para que pare a violencia ten que haber a independencia", afirma Barrena, "nós pedimos que se nos permita decidir aos vascos sobre se queremos ser un país independente ou formar parte de España".

Condena da violencia

"Mais, por que non renuncian formalmente a violencia?", pregunta o presentador, que engade que se Batasuna é ilegal é por este motivo, e que eles e a ETA son os únicos grupos que non o fan en Europa, polo que alude ao "profundo illamento que sofren".

Barrena, pola súa banda, respóndelle cuestionándose se representar ao 20% dos vascos e estar illados, e afirma que eles non xustifican nin apoian a violencia. "A violencia existe porque os dereitos dos vascos están conculcados", di, e conclúe que "o principal obxectivo de Batasuna é rematar coa violencia; sabémolo ben porque a sufrimos en primeira persoa".


Ligazóns

4,5/5 (10 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: