Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Aprobado polo Consello da Xunta

Decreto para a aplicación da taxa láctea

Haberá control informatizado de altas e baixas de produtores de leite, declaracións mensuais de entregas diarias, declaracións trimestrais de compras a provedores, vendas a clientes e outros parámetros.

Redacción - 14:50 21/06/2007

A Consellería do Medio Rural presenta un decreto que regulará a aplicación deste réxime en Galiza, xestionado polo Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA). Serán competencia deste a xestión, control e recadación da taxa.

Atinxe ás produtoras e aos produtores galegos que teñan unha explotación láctea ou o maior número de animais dedicados á produción láctea, ás compradoras e aos compradores de leite e industrias con sede social en Galiza, e tamén aos profesionais do transporte.

O decreto precisa as cuestións sobre o concepto e natureza da taxa, sinalando que é unha exacción parafiscal prevista na Lei xeral tributaria: constitúe o feito impoñíbel á produción e comercialización do leite polos produtores por riba da cota asignada, sempre que se supere a cantidade máxima do estado membro; a comercialización polos operadores sen acreditar documentalmente a súa orixe ou destino; a falta ou inexacta declaración do leite e a comercialización por compradores sen autorización.

No sistema, os produtores son os contribuíntes da taxa e os compradores, os suxeitos pasivos substitutos obrigados ao pagamento e repercusión posterior. O decreto fixa o tipo de gravame para o período 2007/08 e posteriores en 27,83 euros por cada 100 litros de leite.

Informatización dos rexistros

Tamén prevé crear un rexistro público de compradores autorizados, en que se inscribirán os seus datos e enderezo social. Especifica tamén os anexos de solicitudes, declaracións e demais documentación que cómpre presentarlle ao FOGGA.

Estabelécese, por outra parte, o sistema de información SITASUP-CA en bases de datos informatizadas, con toda a información relativa á xestión e control da taxa, o que garante a correspondencia coa aplicación SITALAC que xestiona o Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA). Tamén serán habilitados no rexistro telemático da Xunta os procedementos aos que terán acceso os operadores do sector a través da páxina www.xunta.es/sitalac.

Deste xeito controlaranse altas e baixas de produtores de leite, declaracións mensuais de entregas diarias realizadas por produtores, declaracións trimestrais de compras a provedores, vendas a clientes, retencións mensuais á conta, declaracións anuais de compras de leite a provedores e vendas a clientes, declaracións anuais do uso de leite adquirido e existencias.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: