Vieiros falou con Ángel Vales, profesor na Facultade de Ciencias do Deporte, que vai deixar A Coruña por Liverpool, onde dirixirá o Departamento de Análises do Xogo.
Xa é a segunda vez que Rafa Benítez chama a Ángel Vales para que lle axude co Liverpool, mais da primeira vez as circunstancias axeitadas non se deron, e Vales ficou n'A Coruña.
Agora, un ano após, Benítez volveu chamar polo galego, que xa anda facendo nas maletas e arranxando todo para viaxar a Liverpool, onde vai adestrar o equipo reserva e dirixir o Departamento de Análises do Xogo do primeiro equipo.
Falamos con el mentres estaba arranxando papeis no seu despacho, na Facultade de Ciencias do Deporte.
De que se vai ocupar no Liverpool?
Dentro do Liverpool hai un primeiro equipo e un equipo reserva. Eu vou adestrar o segundo e tamén vou dirixir o Departamento de Análises do Xogo, servindo como un apoio á toma de decisións tácticas do adestrador, de Benítez. Serei unha caste de conselleiro para as decisións tácticas e terei unhas catro persoas traballando comigo.
Que equipos ten adestrado até o de agora?
Estiven no Ourense, en 2ª división, como axudante do adestrador, Rodríguez Vaz; tamén no Chaves, en Portugal, outra vez con Rodríguez Vaz; e no Tenerife, de axudante de Antonio López. Tamén adestrei a Selección Galega Afeccionada.
Como coñeceu a Rafa Benítez?
Coñecino hai xa vinte anos, cando estudaba en Madrid, no INEF. Eu comezaba e el terminaba. Coincidimos varias veces, e froito de anos de amizade chegaron tamén as colaboracións profesionais. Chegamos mesmo a enfrontarnos estando eu no Ourense e el no Estremadura. A amizade sempre se mesturou co profesional e agora chamou por min. Xa é a segunda vez que o fai, pero desta vez danse todas as circunstancias axeitadas para ir.
Custoulle moito tomar a decisión de marchar?
Para un adestrador ir traballar co actual finalista da Copa de Europa, e colaborar cun dos mellores cinco adestradores do mundo é un soño. É algo que a todos nos gustaría. Profesionalmente é fantástico, aínda que persoalmente é un traballo duplo, porque está a mudanza, a viaxe, a adaptación da miña familia a outra cultura e a outro idioma... pero se se é un profesional do fútbol, un ten que estar preparado para todos estes cambios.
Que xogadores levaría, se lle deixasen?
Pois eu creo que o Liverpool ten moi bos xogadores, e moitos deles xa son do Estado, como Pepe Reina, Luis García, Xabi Alonso ou Álvaro Arbeloa. Na liga estatal hai xogadores de moi bo nivel, españois e galegos, e pode que moitos deles teñan sitio no Liverpool. Da liga eu levaría a calquera, sen ter por que ser españois ou galegos... calquera do Real Madrid, ou do Barça. Hai xogadores con moi bo rendemento.