Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Tras o pacto PSOE-UPL

O PP pide explicacións por unha hipotética secesión da provincia de León

O acordo subscrito entre socialistas españois e rexionalistas leoneses para gobernaren na capital aposta pola segregación de Castela.

Redacción - 14:15 19/06/2007
O alcalde de León

O alcalde de León

A polémica polo pacto subscrito entre o Partido Socialista Obreiro Español (PSOE) e a Unión do Pobo Leonés (UPL) para gobernaren a cidade de León na que se aposta pola segregación de Castela como fin e obxectivo desta nova lexislatura chegou a Madrid.

Ambas as dúas cúpulas dos dous grandes partidos con representación en todo o Estado español, PSOE e PP, critican o pacto que recoñece que o "mapa autonómico" no está pechado.

Este luns, o secretario xeral do PP, Ángel Acebes, criticou esta alianza e preguntouse se o presidente do goberno español -natural de León-, José Luís Rodríguez Zapatero, coñecía o contido político do documento que a UPL impuxo ao PSOE para conformar o goberno da cidade de León.

A lista máis votada

Acebes sinalou que o PSOE está disposto a "pactar o que sexa con quen sexa con tal de botar á lista máis votada se é do PP e conseguir o poder". Neste senso, afirmou que o recentemente designado alcalde da cidade de León, o socialista Francisco Fernández, "aceptou promover a autonomía da provincia con tal de conseguir a alcaldía", e con isto "promover a separación de León da Comunidade de Castela e León".

Pola súa banda, dirixentes autonómicos do PSOE como o seu presidente, Tomás Rodríguez Bolaños, ou Demetrio Madrid, ex presidente da 'Junta', criticaron a Francisco Fernández por traballar para un "León só", cando xa se daba por pechado o mapa autonómico. O pacto é "inadecuado, por dicilo dun xeito suave", sinalou Madrid.

Unha "anécdota", segundo José Bono

Outro histórico do PSOE, o ex ministro español de Defensa e ex presidente de Castela-A Mancha, José Bono, cualificou a hipotética segregación da provincia de León de "anécdota", e citando ao poeta Antonio Machado dixo que "serán palabras, palabras de amor, só palabras", segundo informa o Diario de León.

"Castela, León ou España teñen unha historia asimilábel aos pobos máis grandes da historia do mundo. Incomódame e moléstame que coas nosas diferencias históricas se intenten sentar privilexios de futuro", engadiu.

UPL no Bierzo

A número dous do Movemento Alternativo Social (Mass), que conseguiu 37 concelleiros no Bierzo en coalición coa UPL, Fátima López Placer, recoñeceu este luns que se sinte "moi bercianista", mais que se identifica coa provincia leonesa.

Preguntada sobre se está de acordo coa autonomía leonesa, López Placer respondeu que o pacto cos 'leonesistas', se manterá. "Identifícome coa provincia de León, no con Soria ou con Ávila", afirmou antes de engadir que "se algunha oportunidade ten a comarca do Bierzo é dentro da provincia de León".


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: