Coinciden na necesidade de que estean coordinadas coa Xunta pero difiren sobre o seu futuro a longo prazo.
Na imaxe, sede da Deputación de Pontevedra
Logo do acordo nos concellos, agora chega a hora de formalizar o pacto nas deputacións da Coruña e Lugo. Á marxe da loita polo reparto de áreas de goberno, socialistas e nacionalistas teñen tamén aberto un debate sobre o futuro destes polémicos organismos provinciais.
O voceiro dos nacionalistas no Parlamento, Carlos Aymerich, cre que é necesaria unha reforma legal que supere o actual modelo de deputacións. Porén, mentres esta non chega fala abertamente da necesidade dunha coordinación real co Goberno.
Aymerich pon un exemplo no que respecta aos plans de obras e servizos das deputacións. O nacionalista cre que as deputacións deberían ter moi en conta a planificación da Xunta para levar a cabo políticas máis racionais.
Un debate ineludíbel
Pola súa parte, dende as filas socialistas, Ismael Rego coincide na necesidade de coordinación xa que até o de agora as deputacións eran “un reino de taifas”. Segundo lle explicou a Vieiros, os organismos provinciais da Coruña e Lugo poden servir para facerlle ver ás de Pontevedra e Ourense a necesidade desta coordinación: “Isto non significa estabelecer tutelaxes, simplemente facer as administracións máis operativas”.
Rego recoñece que onde realmente diverxen PSdeG e BNG é no modelo de organización territorial. Mentres que os nacionalistas pensan que é necesario superar a actual división provincial, os socialistas cren que abondaría cunha reformulación das deputacións que servise para actualizar o seu papel.