Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Análise do presidente do Goberno

"Cando un mira o mapa de Galiza, ve un mapa político cambiado, anovado"

Emilio Pérez Touriño informou de que o luns á primeira hora decidiranse "as medidas disciplinarias" a tomar, respecto ao incumprimento do acordo marco.

Redacción - 18:15 17/06/2007
O presidente Touriño, coa ministra española de Fomento

O presidente Touriño, coa ministra española de Fomento

O presidente do Goberno, Emilio Pérez Touriño, manifestou este domingo a súa satisfacción pola constitución das corporacións municipais nos concellos de Galiza. Pérez Touriño felicitou ás alcaldesas e alcaldes do país e remarcou que os municipios galegos seguen a avanzar desde a normalidade e desde o respecto ao voto dos cidadáns.

"As miñas primeiras palabras hoxe teñen que ser para felicitar a todas as alcaldesas e alcaldes de Galiza que acaban de tomar posesión das súas respectivas responsabilidades e, polo tanto á Galiza enteira, que son os municipios que avanzan desde a normalidade plena e desde o respecto ao voto dos cidadáns", aseverou.

Garantir a gobernabilidade

O presidente salientou ademais que o pasado día 27 de maio os cidadáns "apoiaron e apostaron" por aquilo que creron "mellor para cada cidade e para cada concello". Nesta liña indicou que "as forzas que sustentan a acción de Goberno", o PSdeG e o BNG, adoptaron "un serio compromiso" para que en Galiza "se puidese estender esa maioría de cambio á maioría dos concellos do país, respectando -subliñou-, a vontade dos cidadáns e garantindo estabilidade e gobernabilidade".

"E creo que, no día seguinte á constitución dos concellos, cando un mira o mapa de Galiza, ve un mapa político cambiado, anovado, ve unha gran renovación na maioría dos concellos". Respecto ao acordo marco asinado entre nacionalista e socialista dixo que ve "un grao de cumprimento moi elevado", e amosouse confiado de que "estaremos á altura das circunstancias".

Medidas disciplinarias

O presidente restoulle importancia ao feito de que en catro concellos galegos non se teña cumprido o acordo marco estabelecido entre o PSdeG e o BNG días atrás, xa que, dixo, son casos "puntuais en toda Galiza", e lembrou que o grao de cumprimento dos pactos "é excelente". A este respecto, Touriño informou de que o vindeiro luns á primeira hora haberá unha xuntanza para decidir "as medidas disciplinarias inmediatas, automáticas de maneira radical" que se deben tomar neste senso.

Pérez Touriño manifestou a súa "decepción" porque se producisen estes catro casos de non cumprimento do acordo marco, lembrando que "hai que respectar o voto dos cidadáns, respectar á cidadanía e respectar os acordos e os pactos". "Polo tanto, agardo que por parte das dúas formacións políticas se tomen inmediata e automaticamente as medidas disciplinarias oportunas", concluíu.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: