Fins Eirexas envía unha fotografía que simboliza a idílica convivencia entre a nosa lingua e o castelán. O prazo segue aberto até o domingo 17.
Na última semana do concurso Unha imaxe para o galego seguen a chegar fotos que aspiran a se converteren na representación gráfica do idioma. A redacción de Vieiros mantén aberta a súa caixa de correo para novas candidatas até o domingo 17 de xuño.
Pero non só queremos imaxes fixas: tamén en movemento. A sección de vídeos conta coa mesma data límite para recibir contribucións, e un premio específico. Consultade as bases e os traballos que xa chegaron e animádevos.
Dende Bertamiráns, Fins Eirexas mándanos “este espanto de cabazo en Nemiña (Muxía)”, que representa para el a imaxe viva do castrapo. “O desleixo pola língua, ao igual que o desleixo polo patrimonio, apuntan unha preocupante perda da nosa identidade como pobo. Algúns dirán que é cousa do progreso (ou do "bilingüismo harmónico")...”