O futuro alcalde socialista, Vicente Irisarri, asegura que "non é ineludíbel nin imprescindíbel" asinar un acordo antes do 16 de xuño.
Xoán Xosé Pita
O futuro alcalde de Ferrol, o socialista Vicente Irisarri, e o cabeza de lista do BNG nas eleccións do 27 de maio, Xoán Xosé Pita, mantiveron este venres o seu primeiro contacto oficial para negociar unha coalición de goberno. Na xuntanza, que transcorreu nun ambiente de "cordialidade e diálogo", comprometéronse a formar un "goberno progresista forte".
Tras a reunión, que tivo lugar na sede do PSdeG, remitiron un comunicado conxunto no que expresaron a súa intención de promover unha coalición que "reflicta fielmente a vontade expresada polos cidadáns", e na que tamén se integrará Esquerda Unida.
O documento recolle a "aposta por unha nova forma de facer política" demandada polos ferroláns e, neste senso, Irisarri mantivo que o seu partido "contempla con xenerosidade as necesidades que ten esta cidade de ter un goberno estábel". Ademais, apuntou que o PSdeG "ten a vontade de non acumular funcións, senón de repartir o xogo".
Ao respecto, informou de que os argumentos presentados ao BNG "foron ben acollidos", a expensas dos que a nivel autonómico adopte a formación nacionalista.
Sen prazos fixos
"Reflexionaremos en profundidade sobre a proposta realizada para pór en marcha en Ferrol unha política alternativa á actual", dixo Xoán Xosé Pita, quen ademais agradeceu o convite socialista.
En canto á posibilidade de que as negociacións non conclúan antes do vindeiro 16 de xuño, data de constitución das corporacións, Irisarri asegurou que "a vontade de todos é chegar a acordos canto antes para que a cidade se poña a velocidade de cruceiro".
Con todo, estimou que "non pasaría nada" se eses acordos se atrasan máis do previsto e lembrou casos como o de Compostela hai catro anos, onde o pacto entre o PSdeG e o BNG non se produciu até pasados nove meses. "Non é ineludíbel, nin inescusábel, nin imprescindíbel ter un acordo o día 16", asegurou.