Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Pactos postelectorais

As concellerías de Ferrol "non serán nin do PSdeG nin de EU, senón dos cidadáns"

O goberno estará composto por grandes áreas políticas, integradas por departamentos das dúas forzas para evitar competencias exclusivas.

Redacción - 10:15 08/06/2007
Está por decidir se o goberno de Ferrol será bipartito ou tripartito

Está por decidir se o goberno de Ferrol será bipartito ou tripartito

O PSdeG e Esquerda Unida, EU, comezaron este xoves a definir as grandes áreas políticas sobre as que se asentará a futura coalición de goberno local. Estas estarán integradas por concellarías dos dous partidos para evitar "a existencia de áreas exclusivas" dalgunha das dúas formacións.

As dúas formacións emitiron unha nota de prensa conxunta ao termo da reunión, a segunda até o de agora, que mantiveron na sede de EU co obxectivo de definir o futuro goberno do Concello de Ferrol.

Coincidencias e diverxencias

Os comunistas presentáronlles aos socialistas a súa proposta de organización municipal en resposta ao primeiro documento exposto polo PSdeG na xuntanza do martes. Ambas as dúas están baseadas nos compromisos adquiridos nos seus programas electorais, polo que esta última reunión centrouse na análise das distintas liñas políticas, nas súas coincidencias e nas súas diverxencias.

De forma concreta, os representantes do Partido Socialista e de Esquerda Unida expuxeron que o goberno local se organizará en torno a distintas áreas municipais, que aglutinarían a unha ou máis concellarías, e contarán cun coordinador común. O posto sería ocupado por un dos edís que formasen parte da respectiva área, de calquera dos dous partidos.

Sen "bicefalias"

Con esta organización, a futura coalición espera evitar a existencia de áreas exclusivas e garantir un goberno municipal único que "non entenda de bicefalias" e asegure un executivo local por e para os ferroláns", por riba de intereses partidistas.

Segundo a nota de prensa, "as concellarías non serán nin do PSOE nin de EU, senón dos cidadáns", coa presenza dun alcalde, Vicente Irisarri, e "un goberno único que dea solucións aos problemas locais". Así, as dúas formacións destacaron que están centradas en "conseguir unha administración moderna e eficaz", que "estea á altura das expectativas dos ferrolanos".

Á espera do BNG

Este venres á tarde haberá unha nova xuntanza. Polo momento non se produciu ningún encontro oficial entre os socialistas e o BNG, malia a vontade expresada por Vicente Irisarri de abrir a porta da coalición aos dous edís nacionalistas.


4/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: