Por vez primeira nos últimos meses, o líder cubano foi entrevistado na televisión estatal, onde lle quitou ferro á enfermidade e confirmou que afrontara varias operacións.
Vestido co mesmo chándal co que se lle viu nestes meses en todas as imaxes difundidas, Fidel Castro pareceu máis espelido do que aparentara en ocasións anteriores e mantivo unha conversa de case unha hora que foi difundida no programa da televisión cubana Mesa Redonda.
É a primeira entrevista en dez meses convalecente e Castro insistiu en que a súa saúde non é agora "secreto de Estado" e que xa dixo "ben claro" cal era o seu estado actual. "Sempre hai ameazas á saúde do ser humano, e de por si os anos... existen perigos que axexan".
Da conversa non se intúe unha pronta volta de Fidel Castro a labores de goberno, e o propio líder comentou que entre as súas ocupacións próximas están a escrita dalgún outro artigo e reflexión sobre determinados temas. A maior parte do encontro televisivo adicouna a falar da recente xuntanz co secretario xeral do Partido Comunista de Vietnam, Nong Duc Manh.