Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Euskadi

Edición xestionada por Vieiros
RSS de Euskadi
Reaccións do presidente da Xunta

Touriño: "O pobo galego reclama a unidade de todos para lle gañar a batalla ao terrorismo"

Pérez Touriño rexeita a "ameaza e a chantaxe permanente" da ETA, e amósase confiado en que "a forza do Estado de Dereito sempre vencerá á tolemia totalitaria da banda terrorista".

Redacción - 16:44 05/06/2007

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, rexeitou esta terza "a ameaza e a chantaxe permanente e totalitaria" da ETA, en referencia ao anuncio desta de pórlle fin ao cesamento do fogo.

Porén, Emilio Pérez Touriño amosouse confiado en que "a forza da democracia e a forza do Estado de Dereito sempre vencerán á tolemia totalitaria e á chantaxe da banda terrorista". Ademais, indicou que a fortaleza da democracia e "as mellores conviccións da sociedade, que quere vivir en paz, en liberdade e en convivencia", xunto co Estado de Dereito e a eficacia das forzas e corpos de seguridade do Estado e a cooperación internacional son, ao seu xuízo, "a ancoraxe desde a cal debemos dar unha resposta máis que nunca unánime, firme e unida de toda a sociedade, de todas as forzas políticas, de todas e de todos, neste apoio incondicional ao goberno de España na loita para derrotar o terrorismo de ETA".

Unidade de todos

"Hoxe (por esta terza) sei ben que o pobo galego, que as galegas e os galegos, ao igual que todos os españois e españolas de ben, reclaman esa unidade, ese esforzo conxunto -engadiu Touriño- como sempre tivo a sociedade española, para, desde o seu goberno, desde o Estado de Dereito, desde a democracia, desde os corpos e forzas de seguridade do Estado e desde a aplicación estrita da Lei, gañarlle a batalla ao terrorismo".

O titular da Xunta reiterou "que non caben dúbidas nin vacilacións neste esforzo unitario para rematar coa chantaxe permanente á que ten sometida a banda terrorista ETA á nosa sociedade". "A forza de todos derrotará a ETA. A forza da democracia vencerá", concluíu Pérez Touriño, lembrando que a sociedade española quere recuperar "canto antes" a convivencia e a paz.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: