Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Para fomentar o sentimento de cidadanía

O goberno británico propón celebrar o seu 'Día Nacional'

A data tería un marcado carácter político, na procura de integrar ás diferentes nacións que integran que o Reino Unido.

Redacción - 12:10 05/06/2007

O goberno británico, por medio da secretaria xeral de Asuntos Sociais e o ministro de Inmigración, Ruth Kelly e Liam Byrne, respectivamente, propuxo este luns a instauración do 'Día do Reino Unido' ou da britanidade ou 'Nacional Británico' (Britain Day), para promover un sentimento de "identidade" común entre os seus habitantes e evitar a "división" das diferentes comunidades do país", segundo informa BBC News.

"O obxectivo sería celebrar a contribución que todos nós facemos á sociedade", sinalou Kelly, quen engadiu que o 'Día do Reino Unido' serviría para recoñecer a achega que os colectivos a nivel local fan á sociedade en xeral, para que houbese máis compromiso coa veciñanza, e para que, deste xeito, medrase o sentimento de pertenza á cidadanía británica.

Enxalzar valores e logros

Pola súa banda, Byrne dixo que "nestes tempos en que vivimos baixo a ameaza dun novo extremismo, é hora de que a maioría dos cidadáns respectuosos coa lei, se manifesten a prol deses valores que temos en común". A celebración do "día nacional" serviría para "enxalzar estes valores e os logros acadados polos británicos".

Algunhas suxerencias do 'consello de sabios' Fabian Society (de esquerdas) para este día inclúen: a celebración dos valores cívicos e do patrimonio material e inmaterial local; a promoción do traballo voluntario social; amosar a "débeda de gratitude" cos veteranos de guerra que axudaron a asegurar a liberdade; o discurso da raíña na apertura anual do parlamento podería ser seguido por outro do primeiro ministro sobre o "estado da nación".

Recuperar a bandeira

O futuro primeiro ministro, substituto de Tony Blair, o escocés Gordon Brown, xa falara no seu momento de enxalzar o sentimento nacional británico. Nun discurso en 2006, dixo que a bandeira do Reino Unido (a Union Jack) fose recuperada do ámbito da estrema dereita e que servise para promover a integración.

Unha enquisa da BBC nese mesmo ano suxería que a sinatura da Carta Magna, o 15 de xuño de 1215, era a data con máis apoio popular para celebrar o 'Día Nacional Británico', cun 27%. Seguíalle o 8 de maio de 1945, día da Vitoria de Europa (VE Day, Victory of Europe Day, da fin da II Guerra Mundial), cun 21%, e o 6 de xuño de 1944, Día D (Day-D, do desembarco en Normandía) co 14%.


2/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: