Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PRIMEIROS PASOS DA XUNTA

Quen defende o patrimonio arqueolóxico submariño?

A denuncia polo espolio dun galeón o pasado mes de maio en Fisterra puxo enriba da mesa un tema a miúdo esquencido: o patrimonio arqueolóxico que agocha a nosa costa.

Redacción - 09:30 02/06/2007

As alarmas saltaron a mediados de mes. Os mariñeiros de Fisterra afirmaban ter visto a mergulladores da Armada no punto exacto onde está afundido un galeón do século XVI. A Dirección Xeral de Patrimonio deu ordes de que se investigara se faltaba algo. Os mergulladores da Xunta comprobaron que alguén levara oito lingotes de chumbo e a roda dun canón. Mentres que o corpo militar nega calquera responsabilidade, a Consellaría de Cultura xa anunciou que se abriu un expediente sancionador e que moi posibelmente acabe por haber unha demanda pola vía penal.

Miguel San Claudio, é experto en arqueoloxía submariña, el foi un dos que baixou a comprobar se faltaban obxectos. De feito, poucos meses antes estivera catalogando o buque por encargo da Dirección Xeral de Patrimonio. San Claudio recoñece que, desgraciadamente, é habitual que particulares se adiquen ao espolio co fin de coleccionar pezas ou mesmo, se teñen ocasión, colocalas no mercado negro.

Porén, San Claudio non cre que haxa redes organizadas que se dediquen en Galiza ao espolio do patrimonio. Mais este experto recoñece que durante moito tempo o desinterese das administracións por esta riqueza foi practicamente total. Os primeiros pasos “tímidos”, sinala San Claudio, comezaron na últipa etapa política dos gobernos de Fraga. Agora semella que a Consellaría de Cultura está a dar pasos máis firmes.

Inventario, o primeiro paso
O Goberno encargou un inventario de todo o patrimonio que agocha a nosa costa. Este é a primeira tarefa que había que facer para logo poder tomar as medidas oportunas. Nas costas galegas hai preto de 600 buques afundidos, algúns, como os que están en Rande ou na Costa da Morte, cun incalculábel valor histórico.

Miguel San Claudio participa dende hai semanas, tamén por encargo da Xunta, no inventariado subacuático das Cíes: “Xa atopamos varios pecios con interese patrimonial e áncoras líticas, que parece que son de finais da Idade de Bronce”.

Este experto lembra que, ademais do valor cultural, este patrimonio ten un innegábel potencial para o turismo subacuático. San Claudio lembra que é importante que, tal e como se fai en terra, que haxa un control sobre os xacementos e que, á mesma vez, haxa que facer estudos.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Nos fondos mariños hai un rico patrimonio arqueolóxico / Foto cedida por buceofinisterre.com
Nos fondos mariños hai un rico patrimonio arqueolóxico / Foto cedida por buceofinisterre.com