Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
EXPOSICIÓN DE JORDI PERICOT NO MASNOU

Do Masnou a Madrid. A arte cinética verifica o movemento

A teima de imprimir mobilidade á obra pictórica, que tanto se traballou hai corenta anos polos chamados cinetistas, continúa rebulindo. Nestes intres con dúas grandes exposicións. Para coñecer máis, inclúese aquí a proposta dunha visita comentada para as persoas que “moven” estas páxinas.

Lito Caramés - 08:00 29/05/2007
"Mans"

"Mans"

Por esas coincidencias que provoca o inocente azar (?), no Museu Municipal de Náutica del Masnou (Maresme) e no Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía (Madrid) hai dúas exposicións sobre o cinetismo. A que ofrece o Reina Sofía, “Lo(s) Cinético(s)”, é unha extensa mostra antolóxica deste movemento artístico dos anos sesenta e setenta da pasada centuria. Da importancia da antolóxica dan fe o elevado número de artistas representados e o total de obras expostas. O cinetismo e as súas opcións revolucionarias, meréceno.

No Museu Municipal de Nàutica del Masnou a mostra titúlase Jordi Pericot, 20 anys d'art cinètic (1964-1984) + gràfics actuals. Está dedicada, pois, a un só artista, ao máximo representante catalán desta vangarda da segunda metade do século vinte. Trátase dunha importante mostra antolóxica de Pericot, con máis de 90 obras e unha instalación audiovisual. Un bo traballo da Montse Pons, a comisaria da exposición.

Pois si. Son complementarias, coinciden no tempo e na temática. Pois non. Por eses misterios misteriosos (ou “ministeriosos”?), na magna mostra de Madrid non hai nin unha soa obra de Jordi Pericot. E iso que o Reina Sofía alberga nos seus fondos pezas del, e que Pericot tivo boas relacións coa galería parisiense Denise René, considerada o berce da arte cinética. Inexplicable.

O cinetismo, unha das vangardas artísticas máis activas interdisciplinares e revolucionarias das que houbo despois da II Guerra Mundial, tiña un obxectivo principal: dar movemento á obra pictórica. A cuadratura do círculo. Os artistas cinéticos recollen intentos anteriores de mirar de conseguir que o que se crea sobre unha superficie plana se mova. Na retrospectiva Lo(s) Cinético(s) de Madrid recóllense os precedentes do cinetismo: o Futurismo italiano (Un automóbil de carreiras é máis fermoso ca Victoria de Samotracia. Manifesto Futurista, 1910), o dinamismo de Duchamp (Nu baixando unha escaleira, 1912), as averiguacións de Calder cos seus móbiles, etc.

O cinetismo é unha expresión artística intelectual. Os seus cultivadores estudaron as leis da física, da matemática para dar resposta ao seu empeño: o movemento sobre unha base estática. Entre as varias tendencias que tivo o cinetismo, uns artistas decidiron usar motores para mover as súas obras, mentres que outros escoraron máis polas beiras do que se coñece como Op Art (Optical Art). Os segundos (entre os que se conta Jordi) querían que o espectador non fose pasivo diante da obra de arte: a obra complétase cando a persoa pasa por diante, o seu camiñar axuda ao dinamismo da peza. Nunhas declaracións de agora mesmo, Jordi Pericot afirma que só lle interesan as propostas estéticas que fan coautor ao espectador.

Tamén buscaron que as obras non fosen privadas (para ser vistas por un só dono), senón públicas: esculturas para prazas, rúas, dentro de edificios públicos. Este era un dos aspectos máis revolucionarios dos cinetistas: a democratización da arte.

Pois, todo isto e máis pódese ver na exposición que acolle estes días o Museu Municipal de Nàutica del Masnou.

Jordi Pericot estaba vivindo en París cando, aló polo ano 1964, dentro do grupo que naceu a redor da galería de Denise René, comezou a experimentar nos eidos cinéticos. Marchara de España para respirar outros aires, aires máis frescos e libres, lonxe dos grises que se estilaban pola península.

Dentro das súas investigacións sobre o cinetismo e no camiño cara a obra móbil pasa por introducir o baleiro como complemento das variacións xeométricas, e tamén chega ao Módulo T. O Módulo T é o tronco de cono que lle permite crear proxeccións que sexan visibles polo espectador-actor. A repetición deste módulo sobre unha superficie axúdalle a xogar coas cores, os baleiros, as formas. Anos despois, canso destas pescudas, oriéntase máis cara o traballo co corpo humano: a sucesión de caras, de mans ou de ollos. Até que o deixa. Iso parece dicir co cadro Merda (1984).

E desaparece como artista. Pero non da arte, tal e como el a entende. Profesor da Universitat Pompeu Fabra, adícase a estudar e aprender comunicación e deseño (ten publicado El dissenyador com a formalitzador i comunicador de formes, entre outros traballos). Di que as clases, o deseño, a comunicación tamén son cinéticos. Tamén dirixe un centro que analiza a propaganda electoral (L'evolució del discurs persuasiu electoral a la televisió, é un dos seus libros).

Para rematar a retrospectiva, pódense ver os “gráficos actuais”, cadros expresionistas -próximos ao quefacer de F. Bacon- aos que el denomina: Personatges per pròtesi. A prótese é a máscara de cadaquén e que el trata de evidenciar en cada persoa (Alcalde amb pròtesi cerebral, Rei per pròtesi franquista, Burgès amb pròtesi democràtica, etc.). Poida que unha das razóns polas que realiza estas pezas viscerais espontáneas (tan distintas das súas creacións cinéticas) sexan os estudos que realiza sobre os “discursos persuasivos electorais”.

No audiovisual que acompaña ás obras hai entrevistas, auto-definicións do artista. E tamén hai unha reportaxe sobre unha instalación que fixeron varios artistas con unidades do automóbil SEAT 127 (ano 1974), patrocinada pola propia SEAT. El pintou o que lle tocou de “gris policía”, de dentro saía espuma de poliuretano “cor vómito”. Por suposto logo foi retirado da Rambla de Catalunya.

E agora, como comunicador, como analista, afirma: “Un dels valors del pas del temps és que em puc transformar en espectador de Jordi Pericot... que diuen que era jo mateix”. Longa vida aos inconformistas!

PROPOSTA DE VISITA COMENTADA:

Para as lectoras e lectores de Vieiros Barcelona, amizades e achegados, acordouse con Jordi Pericot e mais coa comisaria da exposición, Montse Pons, a posibilidade de facer unha visita comentada polo propio artista.

A tal visita comentada de balde celebrarase o día sábado, 9 de xuño, ás 18 horas. Para confirmar esta visita guiada, cómpre que as persoas interesadas aseguren a súa asistencia, enviando un correo a visita.pericot@gmail.com (deixar, coma mínimo, nome e apelidos e unha conta de correo electrónico para contactar). Se até o día luns, 4 de xuño, non se recibisen confirmacións de asistencia (ou as recibidas se considerasen insuficientes) desconvocarase a visita guiada.

EXPOSICIÓN:

Jordi Pericot, 20 anys d'art cinètic (1964-1984) + gràfics actuals

Museu Municicipal de Nàutica del Masnou
Edifici Centre, r/ Josep Pujadas 1 A (tel. 93 540 5002)

Até o 17 de xuño
Horario: de martes a venres, de 17 a 20 h., sábados, de 11 a 14 h. E de 17 a 20 h., domingos de 11 a 14 h.
Entrada de balde

COMO CHEGAR AO MASNOU?

En tren: estación OCATA da Liña 1 de Rodalíes-Renfe (dirección Mataró ou Blanes)
En auto: pola autoestrada C- 32 , saída Alella – El Masnou, ou pola N-II


2,75/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: