Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Tempos Novos

Xestionado por Tempos Novos
RSS de Tempos Novos
27-M: AS ELECCIÓNS DA REVÁLIDA

Deputacións: a saca provincial

O tempo de eleccións é tempo de sacas. Sacas de votos, aquí e alén mar, e tamén sacas de cartos, subvencións, investimentos e inauguracións de urxencia para afortalar vellas fidelidades e gañar algunha máis no camiño. As deputacións, nisto, son expertas. Administracións territoriais sen apenas obrigas, manexan cada ano unha enorme cantidade de recursos públicos alleos. Afastadas da marea electoral que configura concellos e gobernos autonómicos, sométense unicamente á disciplina interna do partido que máis alcaldes acada no taboleiro provincial. Unha reportaxe de Iago Martínez.

TEMPOS Novos - 08:00 25/05/2007
Francisco Cacharro Pardo, presidente da Deputación provincial de Lugo

Francisco Cacharro Pardo, presidente da Deputación provincial de Lugo

Por cada euro do concello máis poboado do país, a contar nun orzamento que debe facer fronte á cumprida e gravosa presada de competencias que lle atribúe a lexislación española ás administracións locais, do abastecemento de auga potábel ao planeamento urbanístico, as deputacións galegas dispoñen de 2,6 euros pouco menos que libres de obrigas. Botando contas, dos 192,1 millóns cos que contou o goberno municipal de Vigo no decurso de 2006, só o 10,8 por cento escapou aos compromisos ordinarios para dar na saca do investimento. No entanto, dos 548,9 millóns que manexaron o ano pasado os entes provinciais, case a metade, o 44,2 por cento, ficou á vontade dos seus responsábeis logo de aboar 118,7 millóns en soldos, gastar 96 millóns na compra de bens e servizos e repartir outros 59,5 millóns en axudas e subvencións. En total, esta cantidade, que case triplica os recursos do maior concello do país, supera nun 6,9 por cento o presuposto de Política Territorial.

A capacidade orzamentaria das deputacións é moi elevada en proporción ás súas obrigas, limitadas á inefábel defensa dos intereses da provincia e á colaboración cos concellos na prestación de servizos, segundo explica o deputado provincial César Mosquera. "Son administracións atípicas", di o nacionalista, "porque nelas todo é gastar, non ingresan nada de seu". Efectivamente, entanto Vigo debe á recadación de impostos e taxas o 63,5 por cento dos seus ingresos, a dieta presupostaria das deputacións baséase nun 58,5 por cento en transferencias de outras administracións autonómicas e estatais. Isto, sumado ao efecto deturpador das operacións de crédito coas que cada goberno provincial enfeita a súa contabilidade, con excesos como o de Ourense, ao bordo do limiar legal cun 104,7 por cento de endebedamento, fai que o pulo económico destes organismos xa non vaia parello á poboación á que abeiran.

A memoria dos orzamentos da Xunta revela, sobre datos do exercizo anterior, que a Deputación da Coruña é a máis dotada do país cun 30,4 por cento do total para atender a 1,1 millóns de galegos, a seguir pola de Lugo, cun 29 por cento e unha poboación de 356.209 persoas; a de Pontevedra, cun 26,6 por cento e 941.972 veciños; e a de Ourense, cun 14,1 por cento para 338.505 habitantes. É obvio que os recursos son desiguais, que a súa distribución nega a lóxica poboacional que rexe o financiamento dos concellos e que o conxunto reflicte unha arbitrariedade superada porén pola que se manifesta nas políticas de gasto que cada deputación aplica a cadanseu orzamento. É así que o esforzo investidor arrandea entre o 28,8 por cento de Ourense e o 56,8 de Lugo, xusto á inversa que o gasto de persoal, ao que adican o 30,8 e o 17,2 por cento respectivamente, e que as subvencións e transferencias de capital consumen arredor do 14 por cento nas provincias atlánticas e só entre un 5,5 e un 7,4 por cento nas do interior. Por desgraza, alén da estatística, estes contrastes son síntoma tamén de certas irregularidades, nomeadamente no caso das políticas de persoal de Ourense e Lugo.

Cacharro Pardo no Supremo: unha desfeita anunciada

Cando o pasado mes de marzo o Tribunal Supremo admitiu a trámite unha querela da Fiscalía da Audiencia Provincial luguesa contra o presidente da Deputación, Francisco Cacharro Pardo, poucos se sorprenderon no organismo que goberna o senador popular. O presunto aboamento ilegal de dietas, que implica ao ex alcalde de Ribadeo e vicepresidente do ente, o tamén popular José Carlos Rodríguez Andina, era coñecido alomenos dende 2003, cando o daquela fiscal xefe, Jesús María Izaguirre, abrira as dilixencias. De feito, esta era unha das moitas irregularidades que o Consello de Contas xa subliñara nas 142 páxinas que integran o informe da súa última fiscalización da Deputación de Lugo, a dos exercizos 2000 e 2001.

Só no capítulo das políticas de persoal, o Consello de Contas atopa pagas extras indebidamente infladas, valoracións económicas distintas para postos análogos, plans de pensións irregulares, contratacións por decreto, sen proceso de selección nin máis publicidade que un anuncio no taboleiro da Deputación, ou mesmo complementos de "produtividade especial" atribuídos por decreto de Cacharro, sen xustificar e sempre aos mesmos traballadores. Ademais, o informe critica que non se publiquen os soldos dos altos cargos nin se xustifiquen as dietas ou os complementos de 150 euros que cobran os deputados, algún con dedicación exclusiva, por asistir a plenos ou comisións. Á parte das multas de tráfico cargadas á partida de protocolo, o dictame describe unha política de contratación que permite prescindir das probas de selección, na que non publican as novas ofertas nin se recibe máis que un candidato por praza, decote xa vencellado ao ente, e onde as actas non reflicten a puntuación do aspirante nin garanten o anonimato.

Á vista do informe, non é de estrañar que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anulase a oferta de emprego público de 2004 nin tampouco que a oposición recurrise a de 2006. "Levamos unha política de pleitos moi importante dende 1999", explica o voceiro do PSdeG, o deputado Manuel Martínez. "Tivemos que chegar até o Constitucional para que se nos lexitimara, pero pagou a pena. Agora vimos de impugnar o plan de emprego deste ano, 113 novas prazas que coas 87 que creou en novembro suporían máis emprego en cinco meses que en 24 anos, case un terzo dos 700 que hai hoxe. Dende que Cacharro sabe que non vai repetir nas eleccións está a practicar unha política desaforada para hipotecar a Deputación, a blindar aos seus cargos de confianza, aos seus comisarios políticos, e a amañar oposicións todos os días".

A central de contratación de Xosé Luís Baltar

Malia as apariencias, a de Lugo é a deputación que menos cartos destina cada ano ao pago de soldos, só o 17,2 por cento dos seus recursos. A que máis é a do popular Xosé Luís Baltar, case o dobre, un 30,8 por cento, arredor duns 23,7 millóns de euros. "O persoal consume a maior parte do orzamento da Deputación de Ourense", confirma o deputado socialista Julio Álvarez. "Temos 897 persoas a traballar, máis que ningunha outra, e só 238 son funcionarios. Ese abuso da temporalidade dos contratos, que hoxe afecta a 387 persoas, favorece a dependencia política dos traballadores". Velaí que, segundo datos do propio PSdeG, Baltar emprega na súa deputación a 300 cargos públicos e familiares do seu partido, unha rede "clientelar" que amalloa cando menos 44 concellos da provincia e na que habería que encaixar tamén o feito de que sexa o ente provincial o que pague as obrigas que teñen pendentes con Sogama os municipios gobernados polo PP nas mancomunidades da Limia e do Carballiño.

Algo semellante acontece en Pontevedra. Aínda que o deputado César Mosquera asegura que "non é da política de persoal do que máis tira Rafael Louzán", o certo é que segundo unha información do diario El País o presidente do PP pontevedrés emprega na súa deputación a 40 veciños de Ribadumia, a súa vila natal, entre eles a súa curmá, Sonia Abal Chaves; dous irmáns da súa muller, José Manuel e José Luís Cores Fernández; e 11 dos 24 membros da xestora local do seu partido. "Evidentemente que colocou aos seus e que aquí historicamente se entrou por rigorosa orde de enchufe", recoñece agora o nacionalista Mosquera, "mais non é das cousas peores que fai".

Diante destas evidencias, chama a atención o caso da Coruña. Alí o Consello de Contas tamén atopou irregularidades, aínda que moitas menos e de menor importancia, algunhas prazas sen selección previa, complementos de produtividade "subxectivos" ou prazas funcionariais adxudicadas por concurso-oposición e non por oposición. Porén, ao ver do popular José Luis Torres Colomer, outrora presidente e vicepresidente provincial e hoxe nas bancadas da oposición fronte a socialistas e nacionalistas, "a política de persoal na Deputación da Coruña é normal e clara e está feita como ten que estar feita. Quizais coas subvencións o goberno provincial sempre pode favorecer un pouco os seus intereses, mais eu non coñezo ningún caso escandaloso", conclúe. Nada que ver coas impresións dos deputados que fan oposición en Pontevedra, Ourense e Lugo.

O artigo completo, na edición impresa de TEMPOS Novos (nº 120, maio de 2007)


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: