Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Municipais07

Xestionado por Vieiros
RSS de Municipais07
MUNICIPAIS07

As deputacións, ese escuro obxecto de desexo

As forzas políticas pelexan polo poder duns organismos que están sempre en cuestión pola súa utilidade e polo xeito de escoller os seus representantes.

Redacción - 13:26 25/05/2007
Cacharro, un dos históricos baróns do PP despídese dándolle sopapos aos seus

Cacharro, un dos históricos baróns do PP despídese dándolle sopapos aos seus

Os cidadáns están chamados a votar o vindeiro día 27-M para escoller os seus representantes municipais. Porén, no mesmo lote tamén se elixen, como quen non quere a cousa, os deputados provinciais. Nunha especie de democracia delegada, os concelleiros reúnense logo por partidos xudiciais para designar aos representantes provinciais. As deputacións, un dos tradicionais bastións do poder conservador, están máis no aire ca nunca. A esquerda aspira repetir goberno na Coruña e acadalo en Pontevedra e Lugo.

A Deputación da Coruña semella estar abocada a un pacto PSdeG-BNG. En 2003, O PP conseguiu 15 representantes, os socialistas 11 e os nacionalistas 5. Nesta ocasión, o PSdeG está a traballar para rabuñarlle un deputado aos conservadores no partido xudicial de Compostela. Pola súa parte, o BNG ten posibilidades de lograr un deputado a maiores na zona de Noia-Barbanza.

O actual presidente provincial, Salvador Fernández Moreda, que concorre na lista ao Concello da Coruña é outra vez a aposta socialista. A cohabitación cos nacionalistas no último mandato foi doado. As dúas formacións pactaron un reparto de áreas que evitase en todo o posíbel as colisións.

A Louzán abanéalle a cadeira
Os resultados non son tan previsíbeis en Pontevedra. O PPdeG traballa arreo para manter a Rafael Louzán na presidencia. En 2003, os conservadores lograron 15 deputados, os socialistas 7 e os nacionalistas 5. A loita agora pasa por Vigo, unha cuantitativa subida dos de Corina Porro pode termar de Louzán.

En caso de que a esquerda aguante o tipo na cidade olívica, os partidos xudiciais de Tui e O Condado poden acabar coa hexemonía da dereita. Mais difícil semellan os cambios nas zonas de Pontevedra e do Salnés. En comarcas do interior, como é o caso do Deza, a dereita pode perder sufraxios pero non os suficientes para que afecten na deputación.

O difícil adeus de Cacharro

Lugo despide a Cacharro Pardo e no PP provincial aparecen as primeiras fendas. O antigo barón non perdoa a xubilación anticipada que lle marcaron os de Feijoo. Xosé Manuel Barreiro, o home designado polos populares, terá moi difícil de igualar os resultados de 2003 (PP 15; PSdeG 8; e BNG, 2). Os socialistas lugueses cren que é posíbel arrincarlle tres deputados en Chantada, a Terra Chá e A Fonsagrada. A comarca de Lemos, onde o BNG parece facerse forte na capital, tamén pode ser outro obstáculo para os populares.

Nunha recente entrevista con Vieiros, o voceiro dos socialistas no Parlamento, Ismael Rego, mostrábase confiado de que o seu partido conquistase Lugo e incluso prognosticaba medres substanciosos en zonas como as da Mariña. Xosé Manuel Barreiro, nunhas declaracións a este mesmo medio, negáballe posibilidades a un goberno de esquerdas na Deputación de Lugo. O político popular sabe que unha derrota significaría un grave revés para a súa carreira política ademais de abundante pólvora para os sectores críticos con Núñez Feijoo.

Ourense, o último reducto
O que ninguén cuestiona é a supremacía de Xosé Luís Baltar en Ourense. A esquerda non semella ter xeito de rachar a rede tecida polos populares na provincia. Hai catro anos Baltar logrou 16 deputados, fronte aos 6 do PSdeG e 3 do BNG. Aínda que a cidade de Ourense pode ter goberno de esquerdas, a dereita agarda repetir maiorías absolutas a eito polos concellos rurais, precisamente os que máis dependen da administración provincial.

Baltar quere seguir tocando o trombóm de varas con Feijoo. Depois de facerlle noutrora as beiras a Cuíña, o ourensán sabe que segue a contar para o sector do birrete grazas ao manancial de votos que reporta comicio tras comicio, aínda que no fortín comecen a aparecer as primeiras pingueiras.


4,75/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: