Seguindo a Lei de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, a Consellería do Medio Rural elaborou o PLADIGA para unha organización máis eficaz e profesionalizada da loita contra o lume.
O plan elaborado pola Consellería de Medio Ambiente incorpora unha serie de novidades con respecto ao Plan Infoga: a contratación directa por parte da Xunta das brigadas, terrestres e helitransportadas, que antes eran xestionadas por medio de convenios cos concellos; a organización dos operativos baixo un único mando: a Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais; e novas actuacións preventivas (as brigadas de reforzo estarán integradas por cinco membros e contratadas un mes máis). Ademais, incidirase na mellor formación do persoal e na dotación de material técnico, e outra liña de medidas van encarreirades a implicar a sociedade civil, propietarios forestais, comunidades de montes e cooperativas agrarias na loita contra o lume.
Tamén foron actualizadas as Zonas de Alto Risco (ZAR), con respecto á declaración formulada pola anterior Consellería de Medio Ambiente en xullo de 2005: 195 concellos son agora os catalogados como Zonas de Alto Risco de incendios forestais. Aplicarase o Índice do Risco Diario de Incendios (IRDI), con cinco niveis de perigo (baixo, moderado, alto, moi alto e extremo) que permitirán efectuar previsións con dez días de antelación, e determinar o despregamento de medios nas zonas máis vulnerábeis. Con base nestes niveis, estabelécense catro protocolos de alerta.
A empresa pública Servizos Agrarios Galegos (SEAGA) xestionará 119 brigadas formadas por arredor de 755 persoas. Pero ademais, este ano tamén se incorporaron de forma auxiliar ao dispositivo outros medios proporcionados por cooperativas de utilización de maquinaria agrícola ou outras cooperativas. Xunto coas agrupacións veciñais de vixilancia forestal, e o voluntariado en defensa do monte galego, estes axentes serán coordinados polo Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios.
A implantación das tecnoloxías
Por outra banda, tamén se desenvolveron aplicacións informáticas para facer máis eficiente o traballo do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, e para acceder ás bases de datos e á documentación necesaria para a toma de decisións: un inventario dos máis de 3.800 puntos de auga existentes en Galicia, datos sobre a localización das actuacións realizadas (os recursos empregados, as datas de inicio e finalización), etc. Habilitouse ademais un número de teléfono para expedir as comunicacións de queimas, e creouse unha base de datos para recoller a documentación destas das autorizacións realizadas. En canto ao sistema de alertas, o Centro de Coordinación de Incendios comunicaralle a través de SMS a cada concello a presenza dun lume no seu ámbito territorial. Tamén se realizará un seguimento dos dispositivos terrestres en tempo real.